Máis de mil delegad@s da CIG marchan en Compostela contra as políticas do PP

A central nacionalista realizou na capital da Galiza a súa asemblea nacional de delegad@s para avaliar mobilizacións e respostas ás agresións antisociais do PP

Desde o Pazo de Congresos, onde realizaron a asemblea nacional de delegad@s até San Caetano, sede da Xunta. Máis de mil delegados e delegadas da CIG marcharon polas rúas e avenidas de Compostela para mostraren o rexeitamento contra das políticas de recortes e as medidas antisociais aplicadas polos gobernos español e galego. Na asemblea, analizáronse as últimas medidas adoptadas polos gobernos do PP e procedeuse a debater e decidir sobre as "necesarias respostas da central nacionalista".

Nesa cita fixouse un novo calendario de mobilizacións coa finalidade de "acumular forzas" para facer fronte á ofensiva dos gobernos do PP contra os dereitos e intereses da maioría social. A CIG valorou finalmente a conveniencia de adiar a convocatoria dunha folga xeral co obxectivo de acumular forzas cos demais sindicatos e lograr unha resposta masiva como a do pasado 19 de xullo.A central nacionalista porá en marcha un novo calendario de mobilizacións que dará comezo a finais de setembro con concentracións en todas as comarcas coincidindo coa aprobación dos orzamentos xerais do estado.

 O 4 de outubro, ademáis, celebraranse manifestacións en todo o país coincidindo co inicio da campaña electoral para amosar “o noso rexeitamento público ás políticas do PP en Galiza e no Estado español”.

 Suso Seixo, secretario xeral da CIG, inaugurou a asemblea facendo un repaso das principais causas da crise económica. Lembrou, neste sentido, que se trata dunha problemática xerada polo gran capital a través da especulación financeira, chegando ao seu punto máis alto coa actual especulación coa débeda pública dos países.

Pensións e negociación colectiva

Tamén advertiu contra “os ataques ás pensións e á negociación colectiva, xa que pretenden facer competitiva a economía española mediante recorte de salarios”. Neste sentido, indicou que a CIG calculou que a baixada de soldos podería achegarse ao 20-25%, na procura por parte dos poderes de acadar a competitividade da economía española a través da precarización do traballo.

Seixo censurou que as medidas que está a aplicar o PP desde e Xunta e desde o goberno español “non están a servir para saír da crise senón que provocan máis recesión, perda de dereitos e empeoramento das condicións de vida da clase traballadora”. Fronte a isto -lembrou- hai políticas alternativas que teñen que ser implementadas “en función da maioría social e non da banca e dos especuladores”.

Seguidismo do sindicalismo españolista

No que respecta á resposta sindical, Seixo amosouse moi crítico coa actitude do sindicalismo españolista, pois entende que a pesar da situación esas centrais seguiron coa política de diálogo co poder. “Chegaron a acordos cos responsábeis da crise para baixar salarios, atacar e reducir as pensións porque pretenden impedir o acceso da maioría social ao sistema público de pensións co obxectivo de promover o sistema privado, do cal se benefician grandes empresas e sindicatos como CCOO e UGT”, asegurou.

Comentarios