Máis de 74.000 fogares dependen da axuda de familiares ou amizades para chegaren a final de mes

Case un de cada dez fogares galegos chegan a final de mes grazas ás axudas de familiares e amizades, unha porcentaxe que aumentou desde o comezo da crise. Unha de cada catro familias tiveron que reducir os seus gastos en capítulos como vestimenta ou transporte
fogares

Os datos oficiais do Instituto Galego de Estatística (IGE) referentes ao primeiro trimestre de 2012 sinalan que o 7,4 por cento dos fogares da Galiza tiveron que recibir axuda económica de amizades ou familiares para chegaren a fin de mes. A comezos de 2010 esa procentaxe era do 6%. No censo de 2010 do propio IGE cifrábase o número de fogares existentes na Galiza en 1.054.716. Por tanto, ese 7,4% de fogares que depende das achegas de familiares e amig@s para cadrar as contas mensuais supoñen perto de 74.000.

Mais nese estudo tamén se recollen outros datos e cifras que evidencian a gravidade da crise e o seu impacto nas familias e fogares. Un exemplo? O 24 por cento das familias tiveron que diminuír os gastos comúns (roupa, calzado, transporte…). Ou que catro de cada cen fogares tiveron que solicitar préstamos para facer fronte a gastos correntes ou aprazar pagamentos.

Alén diso, un 35 por cento dos fogares galegos, un de cada tres, mudou os seus hábitos de compra para mercar a cada vez máis marcas brancas (algo que non se lle escapa ás grandes superficies) ou produtos en oferta.

Non en van, e tal e como se recolle na enquisa conxuntural aos fogares galegos elaborada polo IGE, o 41,5 por cento das familias da Galiza recoñecen que chegan con ‘dificultade’ a fin de mes, e un 6,5% fano con ‘moita dificultade’.

Atrasos

Os fogares que tiveron algún atraso no pagamento de recibos de obrigado cumprimento, tales como a hipoteca ou o alugueiro da vivenda, son xa a comezos de 2012 un 6,6 por cento dos existentes na Galiza. O propio IGE sinala que xa en 2008, antes da arribada da crise, había 45.000 familias galegas que recoñecían atrasos en pagamentos como o recibo das hipotecas (8.500 familias), o alugueiro (6.300) ou nos recibos de auga, luz, comunidade… (16.000 fogares).

A hipoteca sobre a vivenda principal é, neste sentido, a cadea que pende sobre 220.000 fogares galegos. A conquista dun soño que fai perder o sono ás familas. Perto de 15.000 recoñeceron, xa en 2008, que tiveran algún atraso ao cumprir cos pagos derivados desta obriga. E esa cifra de certo que aumentou coa chegada da crise.

Comentarios