Máis de 2.000 persoas protestaron en Marín pola parálise da frota cefalopodeira

As rúas de Marín reivindicaron o 15 de febreiro solucións e pediron un novo acordo pesqueiro. Denunciaron a "falta de compromiso e de vontade política" dos gobernos do Partido Popular. Vídeo no interior.
Manifestación Marin
photo_camera Manifestación en Marin

A inactividade no sector pesqueiro da frota cefalopodeira galega en Mauritania continúa a ser preocupante. A noite do 15 de febreiro máis de 2.000 persoas convocadas polos mariñeiros afectados e a CIG-Mar encheron as rúas de Marín como protesta e reivindicación dun acordo entre a UE e ese país africano. Levan desde o mes de xullo sen poder faenar e denuncian, en palabras de do responsábel nacional de CIG-Mar, Xabier Aboi, "falta de compromiso e de vontade política" dos gobernos do Partido Popular cun sector "estratéxico para o país".

Segundo informa este sindicato, a falta de acordo prexudica a centos de postos de traballo. En datos de CIG-Mar moitos non cobran as axudas que a administración outorgou hai meses. "Só cobraron 24 dos 114 tripulantes". Aboi sinalou a dupla vara de medir da Comisaria Europea de Pesca, M. Damanaki, que mentres argumenta o veto no suposto esgotamento do caladoiro, permite con este acordo que a nosa flota sexa substituída por outras moito máis voraces, como a chinesa e a holandesa.

A Xunta tamén recibiu duras críticas do sector que se sente indefenso. A actuación do goberno galego é, segundo afirman, "de inhibición ante unha situación na que se están a presentar EREs para a metade da flota que faenaba en Mauritania".

Comentarios