Máis da metade do mel que chega de fóra está adulterado

Un informe de Bruxelas confirma as denuncias dos sindicatos agrarios sobre a adulteración na mel que provén de terceiros Estados.
Explotación apícola na parroquia de Baroña, en Porto do Son (Foto: CMVMC de Baroña).
photo_camera Explotación apícola na parroquia de Baroña, en Porto do Son (Foto: CMVMC de Baroña).

Asociacións agrarias da Galiza (Fruga, SLG e UUAA), así como do resto do Estado español, veñen reiterando durante os últimos meses os problemas que arrastra o sector apícola, acentuados pola fraude nas etiquetaxes do produto foráneo. 

Neste sentido, esta sexta feira, a Coordinadora de Organizacións de Agricultores e Gandeiros (COAG) solicitou ao Goberno do Estado español, á Xunta da Galiza e á Unión Europea (UE) que reaccionen "de forma contundente" ante a fraude das importacións de mel, esixindo a "retirada inmediata" dos produtos adulterados.

A demanda produciuse despois de que a Comisión Europea publicase unha investigación conducida pola Oficina Europea de Loita contra a Fraude (OLAF) que revela que 51% das importacións de mel chegadas ao Estado español eran adulteradas, e que 85% das empresas importadoras presentaron, polo menos, un produto fraudulento.

As organizacións agrarias solicitan que o Goberno español aproveite a Presidencia do Consello da UE no segundo semestre de 2023 para liderar a execución destas medidas e suxeriron que se modifiquen as normas de etiquetaxe para protexer os intereses do sector produtor apícola.

A esta denuncia tamén se engadiu a Unión de Pequenos Agricultores (UPA), na que se integra Unión Agrarias (UUAA), que engadiu que os informes de Bruxelas indican que 74% das mostras de mel chinesas, 93% das turcas e 100% das británicas consideráronse "sospeitosas" de conter xaropes de azucre, unha das prácticas de adulteración.

Ademais de melloras na etiquetaxe, cren que a UE debe actualizar os métodos oficiais ao dispor das autoridades de control estatais para detectar posíbeis fraudes no mel, así como estabelecer un centro de referencia para asegurar a mellora continua dos métodos. En terceiro lugar, din, os Estados deben reforzar os controis e comprobar de forma sistemática os lotes de mel importados, con garantías de trazabilidade da colmea ao tarro.

Axudas do Estado español

O ministro de Agricultura, Luis Planas, avanzou esta sexta feira que o Goberno estatal lanzará axudas directas ao sector apícola por valor de 5 millóns de euros, por atravesar unha complicada situación polo incremento de custos, a seca e polas importacións de mel de Estados de fóra da UE.

Comentarios