Máis de 18.000 sinaturas apoian a ILP a prol dunha tarifa eléctrica propia para Galiza

Representantes da CIG rexistraron esta sexta no Parlamento a iniciativa lexislativa popular para que a enerxía producida no país “reverta en beneficio do popio país”. Unha iniciativa que conta co respaldo de máis de 50 concellos e 2 deputacións.

CIG tarifa eléctrico

Unha delegación da CIG entregou esta sexta feira no rexistro por volta de 18.000 sinaturas en apoio da ILP a prol dunha tarifa eléctrica galega, unha iniciativa que o sindicato nacionalista leva meses impulsando a través de diversas dinámicas, como lembraba o seu secretario xeral, Suso Seixo.

Chega así ao parlamento unha ILP que neste tempo recabou 18.300 sinaturas (validadas, 17.800) e que logrou o apoio de máis de medio cento de concellos e das deputacións de Pontevedra e Lugo. Seis das sete cidades do país -falta Ourense- sumáronse a esta demanda. Unha mostra para Seixo do apoio que ten a defensa dunha tarifa eléctrica propia para o país. “Hai unha boa acollida a esta demanda. Mesmo hai concellos onde o Partido Popular está a votar a favor da ILP”, sostivo o secretario xeral.

Importancia

Esta ILP xorde fronte a un “contrasentido”, o de que Galiza exporte o 40% da enerxía que produce, non aproveitando esa materia para favorecer a competitividade do seu tecido económico nin para pola ao servizo da sociedade, “como para combater a pobreza enerxética, por exemplo”, explicou Suso Seixo. Galiza paga “custos sociais e ambientais” por producir enerxía mais non tira beneficios da mesma. De aí esta ILP, con propostas concretas, como o da redución da tarifa, o recorte nun 30% das peaxes, entre outras.

“Esperamos que o goberno galego sexa sensíbel nun tema desta importancia”, manifestou Seixo, “e que pense máis en Galiza que no que poida dicir o PP no Estado”. Nun país afectado, dixo, polo desemprego, a emigración ou o despoboamento, facer da enerxía unha ferramenta que reverta en beneficio do desenvolvemento de Galiza e da súa maioría social debe ser unha cuestión que una a todos.

Comentarios