Máis de 82.000 galegos que viven en pobreza severa non poden optar ao ingreso mínimo vital

Supón 4 de cada 10 persoas en pobreza severa na Galiza, segundo un estudo de Oxfam Intermón.

enchufe_flickr pobreza luz

A aprobación hai un ano do ingreso mínimo vital (IMV) foi un paso adiante importante na loita contra a pobreza e a cobertura de colectivos e persoas en situación de dificultade, valoración que partillan colectivos e entidades sociais.

Porén, o IMV precisa mellorar, tanto en deseño como en cobertura, inciden desde organizacións como Oxfam Intermón, para evitar así que amplas capas de persoas que precisan esta ferramenta fiquen excluídos da mesma.

Así, e segundo os datos do estudo de Oxfam Avanzando cara ao sistema de garantías de rendas que deberiamos ter, na Galiza hai un total de 82.121 persoas que viven en situación de pobreza severa e que non poden optar ao ingreso mínimo vital por non cumprir os requisitos para poder optar a el.

Isto supón, indica a organización, que 39 de cada 100 galegos e galegas en pobreza severa non poden optar ao IMV, o 39%, catro de cada dez.

Goberno galego dedica menos de 5 euros de cada 1.000 euros de gasto público a atender a pobreza mediante axudas públicas

Ademais, no informe tamén se subliña como o Goberno galego dedica menos de 5 euros de cada 1.000 euros de gasto público a atender a pobreza mediante axudas públicas.

Así, Galiza figura entre os territorios do Estado que menos dedican por cada persoa en pobreza severa: 253 euros, cantidade moi afastada dos máis de 900 euros de Asturies, 750 de Cantabria, 450 de Castela e León ou 350 euros de Madrid.

Estado

Oxfam Intermón estima que 1,56 millóns de persoas que viven en situación de pobreza severa non poden acceder ao  IMV por non cumprir cos requisitos establecidos para poder optar a el.

“É necesario que ningunha familia en situación de necesidade quede sen protección, e nestes momentos hai no Estado español 597.000 fogares sen ningún tipo de ingreso”, di Liliana Marcos, responsábel de políticas públicas de Oxfam Intermón, nun comunicado.

A previsión de gasto en  IMV para este ano é duns 1.500 millóns de euros, cinco veces menos do que a organización calcula que sería necesario para acabar coa pobreza severa dado o impacto da COVID-19. “O gasto previsto para o  IMV é moi inferior ás necesidades dos fogares nun contexto no que a pobreza severa aumentou significativamente”, explica Liliana Marcos.

Un dos aspectos do deseño actual que, segundo Oxfam Intermón, habería que modificar, é o uso do nivel de renda do ano anterior como referencia. “A pandemia deixou sen medios de vida a miles de persoas da noite para a mañá”

A ONG estima que hai marxe para subir os limiares de acceso, gastar máis e chegar a máis fogares vulnerables, porque o Estado español inviste en protección social até 23.000 millóns de euros menos que a media da Unión Europea. Para superar esa fenda, Oxfam Intermón pide superar outra: a fenda fiscal que separa o Estado español 5,7 puntos da media europea en recadación, e que impide non só reducir a pobreza, senón a desigualdade (España é o quinto estado máis desigual da Unión Europea).

Un dos aspectos do deseño actual que, segundo Oxfam Intermón, habería que modificar, é o uso do nivel de renda do ano anterior como referencia. “A pandemia deixou sen medios de vida a miles de persoas da noite para a mañá”, explica Liliana Marcos. “Usar os datos fiscais para determinar o acceso ou non ao  IMV fai que esta prestación sexa inútil cando chegan crise como esta. Para moitas familias, a pobreza non avisa”.

Comentarios