Máis de 80% do facturado pola industria extractiva en Galiza vai para empresas doutros territorios do Estado

As industrias que teñen sede noutro territorio do Estado representan 31,4% da cifra de negocio de todas as que operan no noso país.

Manifestación contra a mina de ouro de Corcoesto2
photo_camera Manifestación contra a mina de ouro de Corcoesto

Máis de 8 de cada 10 euros facturados en Galiza por industrias extractivas de auga, luz e residuos vai para empresas con sedes noutros territorios do Estado español . Así o recolle o Instituto galego de estatística (IGE) nuns dados que vén de publicar recentemente. En global, as industrias que operan en Galiza e teñen sede noutro territorio representan 31,4% da facturación total de todas as empresas que actúan no noso país. O ano anterior esa porcentaxe era de 34%, dous puntos e medio máis.

Entre as ramas de actividade cuxa facturación vai en boa medida para compañías que teñen a súa sede fóra de Galiza están as de metalurxia e fabricación de produtos metálicos (58,6%), ou as da madeira, papel e artes gráficas (23%). 

No que atinxe a emprego, as empresas con sede fóra de Galiza representan 12,2% do emprego asalariado nas firmas que operan no noso país. Esa porcentaxe era de 13% no ano anterior.

Ademais, 6% da cifra de negocio das empresas con actividade industrial e sede en Galiza que realizan algunha actividade económica noutro territorio do Estado provén desas operacións alén de Padornelo.

Comentarios