Máis de 3.000 xornaleiras da vendima en Galiza serán sometidas ás probas da Covid-19

O primeiro Consello Regulador en actuar foi o de Valdeorras e esta terza feira empezan os exames de prevención nos hospitais de Ourense e Verín, por ser de referencia para as zonas de recollida do Ribeiro e Monterrei. Nos próximos días sumarase a este proceso de control a Ribeira Sacra. Agárdase analizar "entre 3.000 e 4.000" persoas temporeiras
Valdeorras
photo_camera Imaxe promocional da DO Valdeorras (Foto: DO Valdeorras)

As Denominacións de Orixe (DO) do viño do Ribeiro e do de Monterrei queren reforzar ao máximo a seguridade na fase da vendima e impulsan que as e os xornaleiros se sometan a partir desta terza feira a un cribado de test de dobre banda para detectar se padecen a Covid-19. Seguindo os consellos da Consellaría de Sanidade, sumaránse á medida iniciada pola DO de Valdeorras hai uns días.

En termos globais, está previsto que se practiquen “entre 3.000 e 4.000” probas ás persoas que traballan recollendo a uva para os apreciados caldos galegos. Por tanto, as e os seareiros dos viños do país poden estar tranquilos porque a produción non fica parada.

Os cribados ao cadro de persoal farase “de acordo co calendario que manexan as diferentes denominacións”. Polo tanto, os primeiros exames sanitarios fixéronse no Hospital de Valdeorras.

Hoxe incorpóranse a ese seguimento o Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHOU), de referencia para a comarca onde se produce o Ribeiro, e o Hospital de Verín, por estar máis preto da recollida na DO Monterrei.

Fontes da área sanitaria engaden que en breve se farán tamén as PCR ás e aos operarios que cheguen para traballar retirando as uvas das vides da Ribeira Sacra.

Ademais de apostar pola prevención, a Xunta ten previsto indicar aos consellos reguladores instrucións vinculadas á prevención e control das tarefas no campo, nas bodegas e, tamén, nos momentos, nos que se realicen transportes.

Comentarios