Máis de 1.100 empresas entraron en liquidación en Galiza no que vai de ano

Foron 1.182. Ademais, de xaneiro a outubro, consumaron a súa 'extinción' un total de 1.105 sociedades mercantís.

Poligono industrial (Nós Diario)

Nos dez meses decorridosde 2015 un total de 1.182 empresas entraron en disolución en Galiza, un concepto que se refire ao momento en que a sociedade mercantil entra en período extintivo e, en consecuencia, en período de liquidación. Unha cifra que representa unha media de case 120 empresas en liquidación cada mes no noso país, catro por día. Son dados do Boletín oficial do rexistro mercantil publicados no Instituto Galego de Estatística. Desas sociedades mercantís en disolución a inmensa maioría (1.124) teñen a forma xurídica de sociedade limitada (S.L); un 46 de sociedade anónima (S.A), e as 12 restantes están como 'outras sociedades'.

En todo o 2014 o número de empresas que se disolveron foi de 1.525, mentres que no ano anterior (2013) rexistrouse a liquidación de perto de 2.000 sociedades mercantís, en concreto 1.928.

A creación de empresas desceu na Galiza en outubro un 22,7% a respecto do mesmo mes de 2014

E a esta ringleira de sociedades que no que vai deste ano entraron en disolución hai que engadir as que no mesmo período xa se declararon en extinción. É dicir, unha operación mediante a cal se procede á cancelación dos asentos da sociedade, e a depositar no Rexistro Mercantil os libros de comercio e documentos relativos ao seu tráfico, ficando extinguida a personalidade xurídica da sociedade dende o mesmo momento da cancelación. Ou sexa, desaparecen. E entre xaneiro e outubro houbo en Galiza 1.105 sociedades mercantís nesa situación, 1051 das cales eran S.L, 44 S.A.

Creación

Porén, hai outra cara da moeda: nese mesmo período constituíronse máis de tres mil sociedades mercantís. A creación de empresas desceu na Galiza en outubro un 22,7% a respecto do mesmo mes de 2014, xa que pasou dun total de 374 a 289, 85 sociedades menos constituidas.

Comentarios