Así era Maxín Froiz, o empresario que pedía regular o sector fronte á "colonización" das multinacionais

O xornal 'A Nosa Terra' recupera unha entrevista feita a comezos da década de 1990 ao impulsor da cadea de supermercados Froiz.
O empresario Magín Alfredo Froiz faleceu esta quinta feira (Foto: Europa Press).
photo_camera O empresario Magín Alfredo Froiz faleceu esta quinta feira (Foto: Europa Press).

O empresario Maxín Alfredo Froiz Planes, fundador da cadea de supermercados Froiz, faleceu esta quinta feira aos 78 anos de idade. Este 11 de marzo, un día despois, o xornal A Nosa Terra recupera unha entrevista feita a Froiz na década de 1990 que, polas súas palabras e a pesar do paso do tempo, segue máis vixente que nunca.

Entre outras cuestións, o empresario alertaba xa daquela da "colonización" do sector da alimentación da Galiza por parte das multinacionais: "O máis lamentábel non é que se instalen grandes superficies, senón que 98% sexan de fóra, francesas case todas. Non é que teña nada contra os franceses, pero o exceso de multinacionais é algo que, como empresario español e galego, non me agrada".

"Non hai leis que protexan o distribuidor pequeno e mediano"

Se ben se presentaba como defensor do libre comercio, Maxín Alfredo Froiz pedía unha intervención do Estado neste mercado: "Non hai ningunha lei que protexa o distribuidor pequeno e mediano, e iso cando en Francia veñen de limitar a instalación de grandes superficies para defender ao pequeno. Eu pido unha lei de comercio que permita a competencia con dignidade".

Neste senso, instaba tamén a decretar un distanciamento mínimo dos centros urbanos "para non entorpecer o tránsito". "A saturación de grandes comercios non é boa para ninguén porque ao final acaban pechando todos", dixera.

"Hai que regular o comercio como tan os cataláns e os franceses. Son consciente de que provoco paro, pero tamén xero emprego e os beneficios fican aquí. Non se pode dicer o mesmo dos grandes hipermercados", engadía o empresario.

Porén, no caso de Froiz non foi así: segundo a información que achega a propia compañía, hoxe conta con 253 puntos de venda —no momento da entrevista tiña menos dun cento—, arredor de 6.000 persoas empregadas e unha facturación neta de 756 millóns de euros en 2020 —sete veces máis que a comezos dos anos 90—.

Mais cal foi o segredo do éxito de Froiz? "Empezamos de cero, comprando as mercadorías coa caixa do día. Sabemos moi ben o que custa gañar un peso. Ademais esta é unha empresa moi aforradora, reinvestimos nela 98% dos beneficios. lso non é o habitual. Os meus fillos non andan por aí en cochazos. Tamén tratamos sempre de ofrecer calidade, surtido —temos 8.000 produtos rexistrados— e servizo, porque o cliente non é parvo", apuntaba na entrevista.

A respecto dunha sentencia xudicial aprobada naquela altura sobre a liberdade horaria, Froiz esgrimía: "Eu son partidario dun horario flexíbel durante a semana, pero son un loitador nato contra a apertura os domingos e festivos. Ademais, coa crise que hai, se non se vende en seis días tampouco se vai vender en sete. Os meus principios están en non retroceder no benestar social e iso implica que ningún empresario nin ningún empregado teña que traballar os festivos. E o comprador igual, ese día que o dedique a ir á praia".

Comentarios