MARÍTIMA

As novas limitacións para traballar impostas por Madrid condenan a frota galega

Medidas adoptadas polo Estado non teñen en conta a especificidade da frota galega, con milleiros de embarcacións de baixura

Neste ano está previsto que entren en vigor unha batería de normas e decretos aprobados polo Goberno de España e que están a xerar unha forte oposición no sector do mar galego. Limitacións á faena, como a que prohibe navegar a máis dunha milla da costa a aquelas embarcacións que carezan de balsa, son vistas como unha “irresponsabilidade”, en palabras dun patrón maior da Barbanza, polo que supón de perxuízo para a frota galega. Lembran desde o sector que en Galiza gran parte das embarcacións de baixura teñen menos de 10 metros de eslora e por tanto non poden levar esa balsa. E se a estas se lles prohibir faenar a máis dunha milla da costa impediríalle traballar en caladoiros e postas onde o fan habitualmente: “Ou sexa, que en Madrid decidiron que temos que quedar en porto e non poder traballar”, sentenciaba un mariñeiro da Pobra. “Isto non é como Andalucía, Cantabria ou Cataluña, aquí hai moito barco pequeno que non pode levar esa balsa, que exixan outras cousas equivalentes para garantir en seguridade, mais non iso porque non podemos, ou vannos pagar eles un barco máis grande?”.

Con todo esta non é a única medida que se aplicará en breve e que o sector ve con preocupación, como a norma que prohibe vender as embarcacións a aquelas persoas que as someteron a un proceso de regularización (pór de acordo a realidade do barco cos datos que figuran no rol). Un proceso que afectou principalmente ás embarcacións galegas. “Só poden deixarse en heredanza, e se un non ten fillos que queiran ir ao mar?” preguntaba no seu momento o patrón maior de Ribeira, José Pérez.

E aínda hai outra norma máis adoptada polo goberno español que prexudica a frota galega especialmente. @s titulares de embarcacións regularizadas non poderían acollerse a subvencións. E a maioría destas embarcacións son galegas. Xa que logo, imposibilitan a pequenas e pequenos armadoras e armadores de embarcacións de baixura regularizadas a poderen acceder a achegas económicas (para modernizaren o barco, cumpriren coas medidas de seguridade,...) cuxa ausencia lles impide facer fronte a eses custos.

Comentarios