Luz verde en Madrid a unha reforma do traballo aínda máis misóxina

Os votos de PP e CiU converten en lei a reforma laboral que levaba en vigor desde finais de febreiro e contra a cal se mobilizaron na Galiza máis de 200.000 persoas o 29M. Modificacións no acceso ás pensións en relación ás 'lagoas de cotización' e o maior poder outorgado á empresa para decidir de maneira unilateral o 10% da xornada laboral ao ano atacan especialmente ás obreiras
photo_camera As mulleres na mobilización do 29M. Imaxe: CIG

A maioría da que goza o PP no Congreso español e o apoio de CiU converteron en lei esta quinta feira unha reforma laboral "aínda máis dura" que a que entrara en vigor o 12 de febreiro, e que provocou unha folga xeral, a do 29M, que na Galiza mobilizou máis de 200.000 persoas. Así as cousas, a ofensiva da dereita e do capital contra os dereitos da clase obreira reforza o poder das empresas e precariza as condicións laborais d@s traballador@s, nomeadamente das traballadoras. A indemnización por despedimento fica xeralizada nos 33 días e cun tope de dúas anualidades. O empresariado pode despedir augurando posíbeis perdas no futuro, sen tutela xudicial algunha, con 20 días e un máximo de doce meses.

Os votos do PP e de CiU botaron abaixo até cinco emendas á totalidade e 656 ao articulado no Congreso; e tres vetos e 574 propostas de modificación no Senado. A formación conservadora introduciu na Cámara Baixa a redución a un ano da prórroga indefinida dos convenios colectivos non renovados, que duraba dous no texto orixinal. @s 4.000 traballador@s que aínda non renovaron o seu convenio a día de hoxe, cifra que afecta a todo o Estado español, atoparanse totalmente indefens@s diante da empresa.

Alén do anterior, outra das emendas que vén modificar o decreto que está actualmente en vigor dará máis poder á empresa para mudar de maneira unilateral as condicións de traballo, ao autorizarlas a dispor de até un 10% da xornada anual, fronte ao 5%. Esta medida afecta especialmente ás mulleres, pois son elas as que fican sometidas con maior frecuencia a xornadas duplas e triplas.

Xa na Cámara Alta, o PP introduciu o 12 de xuño once emendas, entre as que cabe destacar unha iniciativa que modifica a lei 27/2007 sobre o acceso ás pensións da xubilación, no referido ás 'lagoas de cotización'. Segundo esta modificación, á hora de calcular a base reguladora das pensións, cando exista unha lagoa os primeiros 4 anos integraranse coa base mínima de entre todas as existentes; e o resto de mensualidades co 50% dese mínimo.

Máis unha vez, son elas as principais afectadas. A carón da feminización das pensións non contributivas, cabe tomar en conta a menor taxa de ocupación feminina; a desigualdade salarial; e as diferencias na vida laboral de mulleres e homes, marcadas pola precariedade e a feminización do coidado d@s fill@s e familiares dependentes, coas conseguintes lagoas de cotización. A pensión media das mulleres é, no Estado español, un 40% máis baixa que a dos homes. E Galiza posúe as pensións máis baixas.

Comentarios