A luz baixa 6,67% este domingo e mantense por baixo dos 250 euros/MWh

Por tramos horarios, o prezo máximo da luz para este domingo dáse entre as 21 e as 22 horas, con 250 euros/MWh, mentres que o mínimo, de 186,80 euros/MWh, rexístrase entre as 16 e as 18 horas.

O prezo da luz baixa esta segunda feira (foto: Europa Press).
photo_camera Desde o pasado 12 de marzo, o prezo do mercado maiorista mantívose arredor dos 250 euros/Mwh (Foto: Alberto Ortega / Europa Press)

O prezo medio da electricidade no mercado maiorista baixa este domingo 6,67%, até os 207,11 euros o megavatio/hora (MWh), co que se mantén por cuarta xornada consecutiva por baixo da cota dos 250 euros/MWh, cifra en que se estabilizou desde a fin de semana pasada.

O prezo medio do 'pool' para este domingo é 14,8 euros menor que os 221,91 euros/MWh do sábado, segundo datos publicados polo Operador do Mercado Ibérico de Enerxía (OMIE). Nese sentido, cómpre sinalar que os prezos do mercado maiorista adoitan baixar as fins de semana debido ao descenso da demanda.

Por tramos horarios, o prezo máximo da luz para este domingo dáse entre as 21 e as 22 horas, con 250 euros/MWh, mentres que o mínimo, de 186,80 euros/MWh, rexístrase entre as 16 e as 18 horas.

Os prezos do 'pool' repercuten directamente na tarifa regulada ─o denominado PVPC─, á que están acollidos case 11 millóns de consumidores no Estado, e serven de referencia para os outros 17 millóns que teñen contratado a súa subministación no mercado libre.

Desde o pasado 12 de marzo, o prezo do mercado maiorista mantívose arredor dos 250 euros/Mwh, aínda que tivo oscilacións máximas e mínimas que van desde os 263 euros/MWh da cuarta feira aos 217,13 euros da quinta.

Invasión rusa

O pasado 24 de febreiro, cando comezou a invasión rusa de Ucraína, o prezo do mercado maiorista estaba en 205,6 euros/MWh e, desde entón, produciuse unha escalada diaria do prezo que tivo o seu punto álxido o 8 de marzo, cando a cotización se situou no récord absoluto de 544,98 euros/MWh.

Esta espiral alcista produciuse, sobre todo, polo aumento do prezo do gas procedente de Rusia. Con todo, os contratos de futuros do gas natural negociados na plataforma holandesa TTF cotizaban na sexta feira arredor de 104 euros/MWh, con picos que chegaron até os 109,8 euros, mais lonxe dos rexistros de comezos da semana pasada, cando se tocaron os 345 euros.

Comentarios