A luz atinxe esta terza feira o seu segundo prezo máis caro do ano e a peor franxa será de 20 a 21 horas

O recibo da luz dun usuario medio incrementou un 45,4% na primeira quincena de xuño, fronte ao mesmo período do ano pasado, segundo datos de Facua-Consumidores en Acción.

Segue a evolución do prezo da electricidade en Nós Diario. (Foto: Nós Diario)
photo_camera bombilla luz electricidade

A electricidade no mercado maiorista marca este 15 de xuño o seu terceiro prezo medio diario máis caro da historia, ao se situar en 90,95 euros/megawatt hora ( MWh), só por baixo este ano dos 94,99 euros/ MWh que rexistrou o pasado 8 de xaneiro, coincidindo co temporal Filomena. Por riba de ambos os dous só queda a xornada do 11 de xaneiro de 2012, cando a cifra aumentou até os 103,76 euros/ MWh.

O recibo da luz dun usuario medio aumentou un 45,4% na primeira quincena de xuño, fronte ao mesmo período do ano pasado, segundo datos de Facua-Consumidores en Acción.

Por tramos horarios, o prezo máis alto para esta terza feira será de 100 euros/ MWh no tramo de 20 a 21 horas e o mínimo de 81,20 euros/ MWh de 4 a 6 horas da madrugada -que xa pasou-, segundo os datos extraídos da páxina web do Operador do Mercado Eléctrico ( OMIE).

En xeral, o prezo medio é un 2,8 % superior ao que se marcou o día anterior -segunda feira-, de 88,47 euros/ MWh e que até o de agora era o máis caro en xuño.

Os prezos do gas (utilizado na xeración de gas con ciclos combinados) nos mercados internacionais, pero especialmente os dos dereitos de emisión de  CO₂, están a impulsar á alza aos prezos no mercado eléctrico maiorista. O prezo medio dos dereitos de emisión no que vai de mes de xuño acada os 51,78 euros/tonelada, perto dos 51,99 euros/tonelada con que fechou maio.

En xeral, o prezo medio é un 2,8 % superior ao que se marcou o día anterior -segunda feira-, de 88,47 euros/ MWh e que até o de agora era o máis caro en xuño

Supón unha grande suba con respecto a xuño de 2020 -mes no que até o día 21 estivo vixente o primeiro estado de alarma para frear a pandemia da COVID-19- cando o prezo medio dos dereitos de  CO₂ foi de 23,33 euros/tonelada, cifra só un pouco menor aos 25,24 euros/tonelada de xuño de 2019.

O 1 de xuño entrou en vigor en todo o Estado español a nova factura eléctrica, un cambio de regulación que afectou a todas as persoas cunha potencia contratada inferior a 15 quilovatios (kW) e que fixo que se incrementase a diferenza de prezos entre os distintos horarios, que tamén sufriron modificacións, limitando as horas de prezos máis baixos.

Na nova factura, todas as persoas consumidoras con potencia contratada inferior a 15kW terán unha tarifa única (a 2.0 TD) con tres termos de enerxía (punta, plana e val) e dous termos de potencia (punta e val). 

O consumo diferénciase en tres períodos: o período punta, co prezo máis elevado, de 10 da mañá a 14 horas e de 18 horas a 22 da noite da segunda á sexta feira non festivos; o período plano, que terá un prezo algo máis barato de 8 a 10 horas, de 14 a 18 horas e de 22 a 00 horas e, por último, o período de val, cun prezo reducido e que comprende as horas nocturnas (de 0 horas a 8) e todas as horas de sábados, domingos e festivos.

Comentarios