Lugo perdeu 20.400 empregos desde 2010, un terzo deles entre menores de 35 anos

A CIG presentou un informe sobre a situación socioeconómica da provincia, caracterizada pola perda de poboación activa, destrución do tecido produtivo e o incremento das persoas en risco de exclusión.

traballo factoría obreiro CC BY-3.0-ES 2012EJ-GVIrekia-Gobierno VascoMikel Arrazola

O sindicato nacionalista presentou o informe sobre a provincia de Lugo elaborado polo Gabinete técnico confederal e que reflicete a “unha situación dramática”, segundo a CIG. Unha realidade socioeconómica na que a crise veu a agravar todos os síntomas. Así, Lugo desde o 2008 perdeu o 4,5% da súa poboación, o que supón o duplo da media galega. Hai 16.163 habitantes menos, e como no resto do país, a maioría desta perda de poboación concéntrase na franxa de idade que vai dos 15 aos 35 anos.

A economista Natividade López destacou que dende o inicio da crise, a provincia perdeu 20.400 postos de traballo, a maioría deles no sector primario (que en termos absolutos conta con 8.300 ocupados menos) e maioritariamente entre a poboación con menos de 35 anos, entre a que se reduciu o emprego un 32%. Ademais, destruíndose postos de traballo a xornada completa (entre 2009 e 2015 reducíronse un 12,2%) e incrementándose as xornadas parciais (medraron un 11%).

Segundo os datos da Axencia Tributaria (ano 2014), o ingreso salarial medio na provincia descendeu un 3,1% dende o inicio da crise. O 31,4% dos asalariados en Lugo acadaron uns ingresos de, como máximo, o SMI. Así mesmo, dos datos da Axencia Tributaria tírase que o 65% das persoas con ingresos procedentes do traballo non acadaron o salario medio (16.724 euros) da provincia.

Outros datos do estudo: a poboación desempregada medrou un 146% dende o inicio da crise, as persoas perceptoras da RISGA medraron un 188,6%. A estas hai que engadir o medre do 60% do número de perceptores da Axuda de Emerxencia Social. O Secretario comarcal da CIG de Lugo-A Mariña salientou a destrución do tecido produtivo: entre 2008 e 2014, na provincia desapareceron 1.236 empresas.


 

Comentarios