Lugo Monumental chegará ao Supremo contra as restricións

A asociación hostaleira afirma que chegará até o final se o TSXG non lle dá a razón. O ocio nocturno, pola súa parte, afirma estar "en coma profundo".
Persoas consumindo na terraza dun bar de Lugo o pasado 12 de decembro de 2020. (Arquivo-Carlos Castro / Europa Press).
photo_camera Persoas consumindo na terraza dun bar de Lugo o pasado 12 de decembro de 2020. (Arquivo-Carlos Castro / Europa Press).

A asociación hostaleira Lugo Monumental alertou de que están dispostos a chegar ao Tribunal Supremo para tombar as novas restricións impostas pola Xunta da Galiza para este sector económico. Segundo afirma o seu presidente, Luís Latorre, unha vez denegada a medida cautelarísima solicitada por esta entidade ao Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) para que se suspendese a exixencia de achegar o certificado Covid-19 para acceder ao interior destes estabelecementos, así como as restricións relativas á ocupación nas terrazas nos concellos con peor situación epidemiolóxica, o recurso, "segue o seu curso normal". Por este motivo, cre que "aínda estamos lonxe dunha resolución, que tardará como mínimo un par de semanas". 

A asociación está disposta a chegar ao alto tribunal se o TSXG tomba definitivamente o recurso presentado. Con todo, mostrouse consciente da "dificultade" do proceso dada a liña argumental de que as "medidas están avaladas por criterios sanitarios".

Malia iso, indica que "é aí onde non estamos de acordo e de feito en Canarias, Melilla, Andalucía ou en Cantabria aceptáronse". Con estes argumentos Latorre avisa que, no caso de que non prospere a súa reclamación, acudirán ao Supremo "para coordinar o que está a pasar en todo o territorio estatal", ao entender que as medidas aplicadas e a redución de capacidade "non ten sentido ningún". Sinala, pola contra, como solución "distanciar as mesas, mais non reducir a capacidade". 

Non discriminar segundo a licenza

Outra das demandas desta entidade é que non se  discrimine a terraza segundo sexa a licenza de lecer nocturno ou diúrno. "Á mesma hora unha cafetaría non ten que pedirche os certificados de vacinación e o pub da beira si, iso tampouco ten ningunha lóxica", clama. Coa mesma, censura que se teña que pedir o certificado de vacinación para acceder ao interior do local, que tacha de ser "unha intromisión na intimidade da xente". Con todo, non quere falar de "guerra" co Goberno galego, senón de "unha discrepancia". 

O nocturno "en coma"

Por outro lado, as Asociacións Empresariais de Ocio e Espectáculos da Galiza advirten nun comunicado que "a proliferación dos macro botellóns e das festas ilegais agraváronse coa decisión do feche dos estabelecementos de ocio nocturno". Por este motivo decidiron reunirse para exixir á Xunta da Galiza "a súa reapertura en todos os municipios". 

Aseguran que, "após 17 meses de feches e coas maiores restricións desde o 13 de marzo de 2020, amosamos o noso malestar polas decisións tomadas e que afectan directamente ao noso sector". Rexeitan a súa "estigmatización" e non aceptarán máis restricións "sen incluír un paquete de medidas económicas que compense o tremendo esforzo e sacrificio económico e de postos de traballo que está facendo este sector".

Din que non poden concibir "que nin a Xunta nin o Goberno español non estabeleceran unha soa medida específica de apoio económico a este sector". Denuncian "cansazo de ver todos as fins de semana como a clientela desprázase ou busca doutras alternativas sen control ningún". Por estes motivos demandan "un plan de futuro para a apertura e viabilidade" posto que na súa situación, aseguran, "non podemos resistir máis".

Comentarios