Análise

Luces e sombras do bono social

A profesora de Economía Aplicada da Universidade de Santiago de Compostela Rosa Mª Regueiro Ferreira suma unha nova análise ao ciclo aberto por Nós Diario nos últimos meses.
Gran Bretaña foi pioneira no recoñecemento da pobreza enerxética na década dos 90 do século XX. (Foto; Álex Rozados)
photo_camera Gran Bretaña foi pioneira no recoñecemento da pobreza enerxética na década dos 90 do século XX. (Foto; Álex Rozados)

O crecemento económico dos dous últimos séculos converteu a enerxía nun ben estrutural de primeira necesidade e nun elemento tan dinamizador da prosperidade como determinante da pobreza. Mentres que a finalidade era acadar o proclamado desenvolvemento económico, íase forxando silenciosamente unha preocupante variante da pobreza, a pobreza enerxética, que afectaba tamén aos chamados "países desenvolvidos". A súa incorporación ás axendas académicas e políticas foise realizando de maneira paralela á liberalización do mercado eléctrico, pero partindo da inexistencia de consenso do que se entende por "pobreza enerxética", e por conseguinte, con velocidades e perspectivas de actuación diferentes, patentes sobre todo nos períodos da crise sistémica do 2008, da pandemia da Covid ou da actual crise enerxética.

O bono social en Europa

Gran Bretaña foi pioneira no recoñecemento da pobreza enerxética na década dos 90 do século XX, e dende entón, puxo en marcha programas de actuación e axuda, podería dicirse que os primeiros "bonos sociais", diferenciados por rexións no seu territorio, considerando variables económicas, sociais, climatolóxicas, de calidade enerxética dos edificios, etc. Posteriormente, no marco da Unión Europea, defendeuse a urxencia de introducir medidas de protección para os colectivos vulnerables á pobreza enerxética, ao amparo do recollido nas Directivas 2009/72/EC e 2009/73/ EC sobre regras comúns para o mercado interno de gas e electricidade, para que os Estados Membros establecesen mecanismos de alivio dos consumidores en risco de pobreza enerxética. E foi ca figura do Bono Social na maior parte dos países europeos. A modo de exemplo, cómpre citar Alemaña, cun bono social dirixido aos fogares en situación de exclusión social, en función dun limiar de renda ponderada por un indicador de situación familiar, e unha axuda fixa anual en función do número de membros do fogar. Tamén Francia definiu as chamadas "tarifas sociais", coa tarifa de primeira necesidade e a tarifa especial de solidariedade para electricidade e gas, sendo preciso que os consumidores beneficiarios estean recoñecidos nesta situación. Ademais, estaba o "cheque da enerxía" para cubrir tanto o consumo enerxético como as inversións realizadas en eficiencia enerxética. En Grecia e Italia, concretaron "bonos sociais", que se conceden en base a criterios de renda fundamentalmente, modulados pola situación familiar e de dependencia. Portugal aplica un bono social dual para o consumo de gas e electricidade, descontos en factura en base ao tipo de consumo e de potencia contratada, existindo unha tarifa social regulada polo regulador nacional e un desconto que os comercializadores de enerxía teñen que aplicar e que se converte nun apoio social adicional ao consumo de enerxía.

En España andouse un longo camiño, cun modelo de bono social multinivel: a nivel de Goberno de España, co recoñecemento do bono social de electricidade no Real Decreto 6/2009, e incorporando sucesivamente ata a actualidade cambios na definición dos fogares potencialmente beneficiarios (ter contratada a tarifa do mercado regulado cun límite e considerando variables como o nivel de ingresos do fogar en función do IPREM, as persoas xubiladas que perciben unha pensión mínima, as persoas con discapacidade, as familias numerosas, as mulleres vítimas de violencia de xénero, entre outras). Compleméntase a nivel autonómico, como no caso de Galicia, coa concesión do bono social térmico aos consumidores beneficiarios do bono social eléctrico. E a nivel municipal, con programas como o pago das facturas de subministro enerxético de fogares sen ingresos ou outras iniciativas.

Pobreza enerxética e burocracia

Mais soan contundentes voces críticas que preguntan se realmente o bono social está chegando a quen o necesitan e se ten capacidade de freo da pobreza enerxética. Análises preliminares alertan sobre a súa limitada eficacia no noso contorno. Semella que os distintos cambios provocaron un aumento da complexidade/imposibilidade de solicitude desta axuda (a tramitar polas empresas comercializadoras), e unha diminución das solicitudes concedidas. As asociacións de consumidores piden que se revise o concepto de 'consumidor beneficiario', tendo en conta a situación social, económica e enerxética actual, e que a súa identificación sexa realizada de forma directa pola administración pública, en base ao sistema de cruzamento de datos. Reclamos e descontentos entendibles, nun contexto no que as grandes empresas enerxéticas incrementaron os seus beneficios mentres a sociedade dedicaba unha cantidade crecente do seu orzamento a pagar os subministros enerxéticos, diminuíndo o benestar.

Comentarios