Lores afirma que "algún día” saberase quen “está detrás” do “pelotazo” de Ence

Advirte que o Concello está disposto a acudir á xustiza europea se a española valida a prórroga á pasteira e mostra a súa sorpresa pola defensa de Ence que fan algúns empresarios pois a situación da factoría é un “agravio comparativo”.

[Imaxe: Cedida] Miguel Anxo Fernández Lores
photo_camera [Imaxe: Cedida] Miguel Anxo Fernández Lores

Para o alcalde de Pontevedra, Fernández Lores, o que pasou con Ence é “un pelotazo como a copa dun pino” e “algún día” saberase “quen está detrás”. O rexedor considera que hai unha normativa que non se cumpriu e que beneficiou a pasteira. Non hai argumentos xurídicos que xustifiquen a prórroga a esta industria concedida polo goberno en funcións de Mariano Raxoi e anunciou que no caso de que a xustiza española valide esa prórroga, o Concello irá á xustiza europea.

Neste sentido, tamén dixo que no “hipotético caso” de se validar esa prórroga o que habería que facer é “sacar a concurso eses terreos marítimo-terrestres” e ver que empresa “oferta as mellores condicións”. “Non estamos na Unión Europea? Non hai unhas leis de competencia? Ou non respectamos a lexislación vixente?”, preguntouse Lores.

O apoio de sectores empresariais á permanencia de Ence na Ría é para Lores “incomprensíbel”, pois defenden unha empresa que está en “agravio comparativo” respecto ás demais. Afirmou que "a ningunha outra empresa" se lle "regalan" terreos para asentarse nin se lle "exonera" de pagar 6 millóns de euros anuais do canon da auga. E menos, dixo, a cambio de "esmolas" que reciben as asociacións de Pontevedra. SE Ence tivese que pagar “eses millón de euros pola auga, máis os terreos máis a contaminación que producen e o resto, quizás non lles resultase tan rendíbel ter a empresa onde a teñen”, concluíu.

"Entendo os traballadores porque defenden os seus postos de traballo pero a estes empresarios non", sinalou o alcalde, que recomendou ao persoal que esixa á empresa un proxecto "viábel" noutra localización

Comentarios