López Veiga, destituído do Porto de Vigo

Mudanzas nas Autoridades Portuarias de Vigo e A Coruña: entran o ex conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, e o deputado e ex edil da Coruña, Martín Fernández Prado, respectivamente.
Imaxe de Martín Fernández Prado cando era concelleiro de Infraestruturas na Coruña. (Foto: Andy Pérez)
photo_camera Imaxe de Martín Fernández Prado cando era concelleiro de Infraestruturas na Coruña. (Foto: Andy Pérez)

As mudanzas nos cargos intermedios do Goberno galego chegan ás Presidencias das Autoridades Portuarias co relevo de Enrique Losada na Coruña e Enrique López Veiga en Vigo. O primeiro deles vai ser substituído polo concelleiro do Partido Popular na cidade, Martín Fernández Prado, e o segundo polo anterior conselleiro de Sanidade e parlamentario popular, Jesús Vázquez Almuíña.

Estas dúas primeiras remudas adiantan o proceso de nomeamento de novos responsábeis no resto dos portos galegos.

A polémica marcou a xestión de López Veiga á fronte da presidencia do Porto de Vigo.

Cualificado como o cargo público mellor remunerado da Galiza por embolsarse 130.000 euros ao ano, mantivo constantes confrontacións con diversos sectores da cidade, significándose, ultimamente, pola posición mantida en relación aos terreos de Vulcano.

A súa substitución polo anterior conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, non deixou de sorprender en Vigo, onde destacaron a falla de experiencia na cuestión dunha persoa cuxa actividade se desenvolveu na esfera sanitaria. 

Martín Fernández Prado chega á Presidencia do organismo coruñés após exercer como director xeral de Urbanismo da Xunta da Galiza entre os anos 2003-2005 e tenente de alcalde de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas no Concello da Coruña entre 2011 e 2015, onde actualmente se mantén como concelleiro do PP.

Tamén ostenta acta de deputado no Parlamento da Galiza. O seu nomeamento está marcado pola polémica, ao promover como máximo responsábel do urbanismo da cidade cambios nas cualificacións urbanísticas dos solos sen atender o ben común. 

Comentarios