Liberty, potencial compradora de Alcoa na Mariña, solicita un rescate gubernamental

A situación económica da firma transcende a escasos días de que a Secretaría Xeral de Industria explique ao comité de empresa e aos sindicatos como avanzan as negociacións para que a SEPI merque a planta a modo de intermediaria.

Novo revés para o cadro de persoal de Alcoa na Mariña. Mentres na Coruña seguen as protestas pola presunta venda da planta, que acabou converténdose en Alu Ibérica, de forma irregular, no municipio de Cervo levántanse coa nova de que unha das potenciais compradoras, a compañía Liberty Steel, vén de solicitar o rescate ao Goberno do Reino Unido.

A situación amosa unha realidade financeira cando menos complicada para un dos grupos que tería interese en mercar a factoría de San Cibrao.

Polo que indica a prensa británica tería revelado que Liberty solicitou case 200 millóns de euros en axudas públicas para poder superar un mal momento económico.

Ao parecer o golpe veu dado pola quebra dun dos seus patrocinadores, Greensill Capital, que achegaba fondos a través de GFG Alliance, á que pertence a firma que tiña interese na empresa da Galiza.

Isto sábese a escasos días de que a Secretaría Xeral de Industria, o comité de empresa e os sindicatos teñan un encontro telemático para falar de como van as negociacións para que a Sociedade Estatal de Participacións Industriais (Sepi) sexa a que merque a planta da Mariña e actúe como intermediaria de cara á venda á terceira.

A relación entre Liberty e Alcoa, ou a falta de relación, non é nova. A multinacional xa fixo un intento de compra coas plantas da Coruña e Avilés, agora renomeadas como Alu Ibérica baixo a propiedade do Grupo Riesgo.

Con anterioridade Alcoa xa rexeitara o acordo directo e agora, se sae adiante, será cun intermediario. En todo caso, os conflitos en torno a todo este sector industrial do aluminio na Galiza non deixan de complicarse.

Comentarios