Liberty House mantén os seus plans na Galiza pese ao fracaso da venda de Alcoa

O grupo ao que pertence Liberty House segue adiante cos seus plans para gañar peso no mercado internacional do aluminio. Alvance, a súa división especializada nesta materia prima, vén de fechar a compra dunha planta en Bélxica mentres a división enerxética non desiste dos seus plans na Galiza.
EuropaPress_3302501_asistentes_concentracion_trabajadores_alcoa_san_cibrao_viveiro_colocan
photo_camera Un traballador de Alcoa co casco de Alvance, a división de aluminio de GFG Group, nunha protesta.

O feito de que a negociación con Alcoa non chegara a bo fin non  foi escusa para que o grupo GFG Alliance, ao que pertence Liberty House, deixase de lado os seus plans de crecemento no sector do aluminio. Esta semana, Alvance, a filial do grupo que negociou con Alcoa a compra da planta de Cervo, anunciou a compra da factoría de laminación de aluminio de Duffel, en Bélxica, cuxa produción está moi orientada ao sector da automoción.

Como destaca a propia compañía nun comunicado, a suma das 250.000 toneladas anuais de capacidade desta planta ás 332.000 que ofrecen conxuntamente as de Dunkerque (Francia) e Fort William (Escocia), "achega Alvance ao seu obxectivo de alcanzar un millón de toneladas anuais de capacidade". A adquisición da planta de San Cibrao, cunha capacidade de 228.000 toneladas ao ano, levaría a firma controlada polo magnate de orixe india Sanjeev Gupta á consecución de tan ambicioso obxectivo.

GFG Alliance ten tres alicerces industriais ou marcas: Liberty  Steel  Group (a que aspiraba a facerse coa planta de Alcoa en Cervo), Alvance Aluminium  Group e Simec Energy Group. Esta última división vén de asinar a pasada quinta feira un acordo con Ignis Energy para  desenvolver proxectos de enerxías renovábeis no Estado español para fornecer de enerxía a potenciais plantas de metais do grupo, tal e como anunciaron ambas as firmas, en clara alusión á planta de Alcoa, en Cervo.

Pensando na Galiza

En virtude deste acordo, a española Ignis e a rama enerxética de GFG Alliance, Simec, pretenden levantar instalacións eólicas e solares cunha capacidade total de 1,2 xigavatios (GW), segundo explicaron nun comunicado conxunto. Os parques eólicos estarían radicados na Galiza, mentres que as instalacións de xeración fotovoltaica quedarían repartidas por todo o Estado español. A súa idea é que estean xa operativos en 2023. 

Con este anuncio, GFG Alliance desmonta o argumento da falla de concreción dos investimentos que denunciara Alcoa para botar por terra as negociacións. De feito, as instalacións de xeración eólica estaban contempladas no plan deseñado por Ignis para a planta galega, que incluía a coxeración como fonte de alimentación para a factoría, o que permitiría rebaixar a factura eléctrica, que se vería complementada máis adiante cunha planta de hidróxeno verde e fontes renovábeis.

O grupo británico parece que non desiste da compra da planta de Cervo. "Pasamos moito tempo en España buscando acordos", dixo Jay Hambro, director de investimentos de  GFG  Alliance, após dar a coñecer o acordo con Ignis, mais declinou comentar se continuaban as conversas con Alcoa ou sobre os detalles dos activos de aceiro que pretendía comprar no Estado español.

Futuro sen Alcoa

Con negociacións en curso ou sen elas, o que parece claro é que ninguén está disposto a perder a planta de aluminio primario en Cervo. Goberno español e Xunta meten presión a Alcoa para que acceda á venda, alegando que os seus argumentos non se sustentan e que o único que pretende coa súa negativa é facilitar a entrada dun competidor no mercado.

Nesta liña, Moncloa e San Caetano poñen xa sobre a mesa a vía da intervención, unha postura defendida desde hai meses tanto polo comité como desde formacións políticas como o BNG, a quen socialistas e populares chegaron a tumbar unha iniciativa no Congreso das Deputadas na que chamaban á nacionalización das instalacións de Alcoa en San Cibrao. 

Como aseguran varias persoas expertas na materia, a intervención é unha vía perfectamente posíbel que poderían executar de modo inmediato tanto o Goberno español como a propia Xunta. Esta vía deixaría a Liberty House sen a propiedade da factoría a curto prazo, cando menos até que se resolvesen as posíbeis reclamacións de Alcoa, mais si que podería comprometer investimentos como os agora anunciados, e mesmo actuar desde o primeiro día como socio industrial das administracións.

Comentarios