CRÓNICA DO SEGUNDO DÍA DOS 5.000 TRACTORES EN COMPOSTELA

“Levamos en tractorada desde que entramos na Comunidade Europea”

Segunda xornada de protesto en Compostela na defensa dun prezo xusto. “Estamos dispostos a todo”, confesan os gandeiros Suso e José Antonio, de Tordoia. “Defenden o seu...e o de todos”, agradécelles María, veciña de Compostela.

gandeiros3
photo_camera gandeiros3

Primeira hora da mañá en Compostela. A circunvalación da capital -sempre ruidosa -en silencio, bloqueada por centos de tractores na Avenida de Lugo. Un grupo de gandeiros falan na beira-rúa sobre como se presenta o día. Ábrese un portal e sae unha señora, cafeteira e vasos de plástico en man: “A ver, a quen lle presta un cafeíño?”. Os produtores sorrín agradecidos. “Querédelo con leite ou xa estades cansos del?”, pregunta rexoubeira a compostelá. Risos sinceros dos gandeiros a pé de 'New Holland' e 'John Deere'. Amanece en Compostela e a cidade acorda solidaria cos protestos malia as perturbacións no tráfico. Os catro carrís da Avenida de Lugo despexados de coches, ocupados por nenos a xogaren ao fútbol ou andaren en bici á sombra de milleiros de tractores.

GANDEIROS2A xornada comezou co bloqueo das principais arterias da cidade e tamén do centro loxístico de Día. Axiña cercáronse tamén as áreas comerciais, como a de As Cancelas-Carrefour. Alí varios centos de gandeiros teimaban en exixir prezos xustos para o leite e advertían: “Non imos marchar de Compostela sen unha solución”.

“Xa ves: hoxe é festa na parroquia e nós aquí”

Suso e José Antonio son de Gurgullos, concello de Tordoia, unha parroquia que nesta terza feira está de festas, Os Remedios. “E xa ves, nós aquí”, din cun sorriso. Teñen 35 vacas de muxidura e páganlle o leite a 27 céntimos -”hainos peor, a quen lle dan só 18”-. Recoñecen que nesa situación, perdendo 8 ou 9 céntimos por litro, “non imos aguantar moito”. Insisten en que si que hai unha solución, “pero o goberno ten que querer: apretar as porcas a industria e distribución, que fan o que lles peta”.

José Antonio fala do que é ter que escoller cada mes que factura deixas sen pagar para poder seguir tirando, “porque cartos non hai, e os que se fixeron investíronse na propia explotación”. Suso lamenta que “os galegos estamos vendidos: temos o mellor leite, o mellor peixe... e todo iso vai a pique”.

gandeiro5Son veteranos nas tractoradas. “Xa estivemos na de Ordes, tamén na de Santiago no 2009,...”. José Antonio fai memoria e afirma: “Levo de tractorada desde xuño de 1986, cando entramos na Comunidade Económica Europea”.

“Levabamos dez anos adormecidos, e espertamos”

Entre os centos de concentrados ao pé de Carrefour está Emilio López, 'Milucho', un nome inseparábel da historia do sindicalismo agrario galego. Repartindo follas voandeiras da plataforma en defensa do sector lácteo pedindo á cidadanía o apoio aos gandeiros. “Hai que facer unha lectura positiva disto: no movemento agrario levabamos dez, doce anos adormecidos; e agora espertouse”. Denuncia que o PP “xoga a dividir ao sector”. Pide a Feijóo “que se deixe de falar de Catalunya e que defenda o rural deste país”, lembrando que “nin sequera quixo reunirse cos representantes da Plataforma”.

gandeiro6Malla o sol ao medio día nesta zona de Compostela. Apoiando os gandeiros, deputados do BNG, como Tereixa Paz, e de AGE, como Juan Fajardo. Chega un remolque cun tanque con mil litros de leite para repartir de balde. A foto máis procurada, a das crianzas bebendo “ leite galego, o que non lles gusta aos das áreas comerciais pero é o mellor para que medren os cativos”, insisten os protestantes por megafonía. Un dos nenos bebedores de leite chámase Simón. “Viva Simón”, berran os gandeiros ao redor, entre aplausos e alegría. Un deles achégase a un anti-disturbios cun pouco de leite. O axente di que non pode. Un produtor bisbea polo baixo. “Non podes non, non queres, que sodes moi finos”.

“Pon aí: é pola miña filla, sabes?. Non é por min, é por ela. Pono aí, vale?”

Moncho é de Boqueixón. “Teño máis vacas que anos”, afirma con risa aberta coa man nunha das grandes rodas do seu 'New Holland -que inclúe o colante de moda na mobilización: “Se non hai gandeiros sobran conselleiros”. “50 vacas fronte á 39 anos”, aclara, sorriso aínda máis amplo. Canda el, Manuel. Unha teima ao longo da conversa: “xa non é por nós, é polos nosos fillos”.

gandeiros4Moncho di que lle pagan o leite a 29 céntimos -o custo de rendabilidade anda por volta dos 36/37- e que está disposto a “ir até o final, porque menos seguir así, calquera cousa”. Manolo reitera que de seguir neste camiño “adeus a Galiza, adeus ao rural. Todos para a cidade cunha man detrá de outra”. E insiste: “Xa non é por nós, esta loita é polos nosos fillos, pola miña filla, ti cóntao ben, vale? Porque a xente teno que entender e apoiarnos a tope. Tí cóntao, vale?”. Vale.

Comentarios