O leve aumento de prezos non frea a sangría de feches de explotacións galegas

O ano comezou con 42 granxas menos que no último mes de 2016. O prezo medio do leite en Galiza continúa por baixo da media española embora reducir a fenda.

O prezo do leite leva rexistrando pequenos aumentos desde agosto pasado, segundo recollen os informes mensuais do Fega, o Fondo español de garantía agraria; mais estas discretas subas non son quen de frear a sangría de feches de explotacións lácteas galegas. O último informe, correspondente ao mes de xaneiro, recolle como en Galiza empezamos o ano con 42 granxas menos das que había no último mes de 2016. É dicir, en apenas un mes, perdemos máis de 40 explotacións. E iso que en xaneiro o prezo medio por lito de leite en Galiza situouse en 30,3 céntimos, o que supón unha clara mellora a respecto dos 28,8 céntimos aos que se pagaba en xaneiro de 2016, doce meses antes.

Porén, continuamos diante dun prezo por baixo da media española, que o pasado mes de xaneiro foi de 31,6 céntimos, 1,3 céntimos máis por litro que o que se paga en Galiza. Certo é que en xaneiro de 2016 esa fenda era maior, de 2 céntimos. Esta, pois, foise reducindo, mais non é abondo para evitar feches de explotacións.

Entre agosto de 2016, cando o prezo do leite en Galiza comezou a subir após meses e meses de constante baixada, e xaneiro de 2017, último mes contabilizado na Fega, desapareceron no noso país 234 explotacións. Case dez explotacións menos cada semana. O 60% das granxas que tiveron que fechar neste período en todo o estado eran galegas.

Comentarios