venres 14/08/20

O levantamento da fronteira con Portugal chega tarde para a veciñanza da 'raia'

Galiza e Portugal recuperaron onte a libre circulación de persoas e mercadorías após máis de tres meses nos que os fluxos económicos entre os dous territorios quedaron reducios á mínima expresión. As empresas de ambos os lados da 'raia' estudan exixir compensacións pola demora na apertura da fronteira.
AECT Río MInho alcaldes e alcaldesas de ambas as beiras do Minho
AECT Río MInho alcaldes e alcaldesas de ambas as beiras do Minho

Onte, tras máis de tres meses sen case comunicación, a cidadania galega e portuguesa deixarou de estar separados por unha fronteira. A recuperación do tránsito de persoas e mercadorías chegou, iso si, moito máis tarde que a do resto de territorios, un feito que penalizou especialmente os concellos situados nas marxes do río Miño, que mesmo podendo abrir optaron por deixar a persiana dos seus negocios baixada pola falla de clientela do outro lado da 'raia'.

Galiza e Portugal comparten 70 quilómetros de fronteira común, o que representa 5% do total da fronteira lusa. Pero é o treito máis dinámico, xa que por ela pasan a metade dos vehículos que transitan entre ambos os lados da 'raia'. Ademais, os lazos comerciais son tamén moi estreitos, xa que Portugal figura entre os principais destinos dos bens importados e exportados desde Galiza.

Onte mesmo, nun dos actos realizados para escenificar a reapertura, o presidente da Cámara de Valença, Manuel Lopes, recoñeceu que o feche dos pasos transfronteirizos causou "inmensos trastornos" na vida diaria das cidadás de ambas as ribeiras e consecuencias económicas. Lopes, que agarda que a situación non se volva repetir, apuntou que a reapertura da fronteira debía terse feito "de modo gradual desde hai quince días ou tres semanas" para favorecer a adaptación ás normativas sanitarias de ambos os países e o coñecemento das mesmas.

Dobre fronteira

Para a Agrupación Europea de Cooperación Territorial Rio Minho o impacto do feche da fronteira "foi dobre". Segundo afirma a Nós Diario o seu director, Uxío Benítez, a decisión de Madrid e Lisboa "non tivo en conta a realidade transfroteiriza" dun territorio con máis de 6.000 persoas que cruzan a diario os pasos para traballar.

De momento non teñen cuantificado o impacto económico que esta medida tivo nos concellos da ribeira do Miño, un traballo "complexo polas múltiples casuísticas" no que xa están a traballar na Universidade de Vigo para coñecer até que punto se viron prexudicados.

Xunto ao problema do feche físico da fronteira, Benítez apunta tamén o da "fronteira psicolóxica" creada pola crise da COVID-19. Esta segunda fronteira, levantada polas Administracións e que segundo el tardará aínda en superarse, "facía pensar que o virus estaba ao outro lado do río".

Malas previsións

Os datos veñen a reafirmar estas teorías. O presidente da Asociación de Comerciantes e Industriales de Tui (Acitui), Juan Carlos Blanco, recoñecía hai uns días que as previsións "non son nada boas para a primeira quincena de xullo". Así, detallou que se espera un 30% de ocupación para ese período, ademais dunha reactivación do sector hostaleiro da zona, na que a maior parte dos estabelecementos permanecen fechados. O empresario relacionou este atraso nas reservas co interese da clientela por dispor das "máximas garantías" para realizar a súa viaxe.

Pola súa banda, o secretario da Asociación de Empresarios Tomiño (Adeto), Iago Pérez, quen cifrou en 25% a porcentaxe de clientas e clientes portugueses nos comercios da zona, considerou que a reactivación dos pasos transfronteirizos pode favorecer a economía dun concello no que a crise sanitaria causou perdas de até 70% na hostalaría e 40% no sector primario e o comercio.

Na mesma liña, o presidente da Federación de Empresarios de Hostelaría de Pontevedra (Feprohos), César Ballesteros, sinalou que coa reapertura irán abrindo progresivamente 30% dos hoteis que permanecían fechados na provincia".

A ocupación prevista nos hoteis do sur de Galiza para a primeira quincena de xullo sitúase en 15%, porcentaxe que se incrementará "aos poucos", especialmente a partir do 15 de xullo, cando se espera que alcance 25% ou 30%.

Todos teñen claro que, de producirse un rebrote da COVID-19, un feche duro non tería sentido. Por iso, desde a AECT Rio Minho suxeriron a creación dunha tarxeta para os residentes en concellos transfronteirizos que permita unha mobilidade acorde coa realidade social e económica.

comentarios