O leite galego marcou en xaneiro o seu prezo máis baixo desde 2012

Aos gandeiros de Galiza págaselle o litro a 30,5 céntimos, case 9 menos que hai 12 meses. É o territorio do Estado onde menos se paga, 1,7 céntimos / litro por baixo do seguinte (Cantabria)

Leite

O prezo do leite en Galiza rexistrou en xaneiro unha nova queda até se situar en 30,5 céntimos o litro, segundo os dados feitos públicos polo Fondo español da garantía agraria. En decembro, o mes anterior, o prezo era de 31,9 céntimos. O sector lácteo galego comezou 2015 cuns prezos que non se lembraban desde 2012, a cotización máis baixa logo nestes tres anos.

Ese prezo que se lle paga aos gandeiros de Galiza cae a un mínimo que non se rexistraba desde o segundo semestre de 2012 e fica a piques de baixar de 30 céntimos o litro, o que supón entrar nunha dinámica de perdas importantes. Cómpre lembrar que en 2012, cando o leite caeu por baixo dos 30 céntimos, deu lugar a unha folga de entregas do leite. Aos gandeiros galegos pagóuselle en xaneiro 8,7 céntimos menos por litro que doce meses antes, un período de baixas continuadas.

Galiza mantense como o territorio do Estado onde menos se lles paga aos produtores de leite. O seguinte peor paga, Cantabria, ten o prezo a 32,2 céntimos, 1,7 máis por litro que os galegos.

Comentarios