O leite foráneo pon en alerta o sector

Cada día chegan ás industrias lácteas toneladas de leite de países como Francia, Holanda ou Alemaña. Non é nada ilegal, salvo cando o que fan é colocar o seu excedente por debaixo do custo de produción, o que contribúe a afundir as gandeiras galegas, que levan anos en loita por un prezo digno para o leite producido na Galiza.
Camión de leite de Nestlé (Europa Press).
photo_camera Camión de leite de Nestlé (Europa Press).

A entrada de leite foráneo non é unha novidade, pero si o feito de que as empresas que realizan este tipo de prácticas, desleais cando o fan por debaixo do prezo de custo, non miren polas gandeiras e gandeiros galegos nunha situación de emerxencia sanitaria, pero tamén social.

Por este motivo, desde Unións Agrarias solicitaron ao Ministerio de Agricultura a convocatoria da mesa de seguimento do acordo lácteo. Queren que se fagan públicos os datos das cisternas que descargan nas industrias do país para frear o dumping, unha práctica ilegal para afundir os prezos, pero tamén para facer un control da trazabilidade do produto e evitar que o leite francés acabe nun cartón con orixe nacional, tarefa que debe correr a cargo da Xunta da Galiza.

Ese plan conxunto, como recoñece o secretario xeral de Unións Agrarias, Roberto García, a Nós Diario, é fundamental se se queren evitar as "consecuencias desastrosas" que estas prácticas poden ter para o sector atendendo ao volume de excedentes de países como Holanda, Alemaña ou Francia, que son os que tratan de introducir leite no Estado español por debaixo do custo de produción, denuncian desde o sindicato. 

Por sorte, a negociación dos novos contratos entre industria e produtores está suspendida pola COVID-19, pero García teme que, cando se retomen, a industria poida empregar como "arma negociadora" a posibilidade de traer leite de fóra máis barato, unha práctica que, como indican desde o sindicato "empezou por unha industria en concreto e xa se está a xeneralizar". "As agricultoras e gandeiras estanse a xogar o pelexo para garantir o subministro e o Goberno español trata de fomentar a compra de produto estatal. O que non podemos permitir é que ao mesmo tempo miren para outro lado e permitan prácticas inmorais, ilegais e que atentan a sectores estratéxicos como é o da carne e o leite", denuncia García.

Na mesma liña, a súa homóloga no Sindicato Labrego Galego, Isabel Vilalba, recoñece que non é sinxelo cuantificar canto leite de fóra está a entrar, xa que non existe un mecanismo para facelo. Considera que en momentos tan delicados como os actuais as empresas deberían "evitar comportamentos especuladores e amosar compromiso social".

Ao igual que Unións Agrarias, cre que Xunta e Ministerio deberían poñer persoal público que controlase as entregas e os prezos xa que, lembra, "vender por debaixo de custo é ilegal, non é unha cuestión de boa fe", ademais de que permite ao mercado francés resolver un problema de saturación a costa de destruír o mercado nacional. "Diante da ilegalidade, actúase", insiste Vilalba, que exixe unha actuación "contundente e inmediata" das Administracións.

Pola súa banda, Elías Somoza, da Federación Rural Galega (Fruga), recoñece que a entrada de leite foráneo é un problema "constante e recorrente", que non ten razón de ser na Galiza, xa que "temos bastante leite aquí sen que teña que vir de fóra". Con todo, cre que a Administración debe tomar cartas no asunto, pero tamén poñer todos os medios "para que se cumpran os contratos que se acaban de asinar".

Industria do país

A industria láctea do país tamén se ve castigada por estas prácticas. Como explica a Nós Diario Rafael Prieto, director xeral de Cooperativas Lácteas Unidas (Clun), con marcas como Únicla, Feiraco ou Clesa, "vai afectar cando vaiamos vender o leite ás grandes superficies, xa que as que empregan leite foráneo por baixo de custo poden vendelo a prezos máis competitivos. O único que nos queda é informar o consumidor e destacar o valor do leite galego. Despois, cada quen en función das súas posibilidades económicas e dos seus criterios persoais, que elixa sabendo ben o que compra e coñecendo quen está a apoiar as produtoras locais e quen non".

"Que haxa xente que, aproveitando excesos noutros países, queira afundir os prezos do campo non nos parece ben, porque os que temos agora son prezos que aínda non son suficientes para retribuír adecuadamente o traballo das gandeiras", apunta o directivo de Clun.

Para Prieto, ter unha soberanía, unha autonomía alimentaria "é algo que non temos posto suficientemente en valor e que pasado este lío ─en referencia á crise provocada pola pandemia do coronavirus─ débenos levar a organizarnos mellor. Fáltannos cousas, como proxectos grandes, marcas fortes para lograr a forza comercial que nos faga ser máis competitivos". Clun, ao igual que outras cooperativas de base galega, contribúe a fixar a poboación no rural e, como lembra o seu director xeral, "todo o que xeramos queda aquí, aínda que logo vaia para fóra".

Comentarios