Lactalis acepta pagar máis polo leite aos gandeiros

A multinacional gala comprométese a repercutir nos produtores as subas de prezo anunciadas en decembro pola distribución após as mobilizacións gandeiras.

Leite

Lactalis acepta repercutir nos gandeiros o incremento no prezo do leite de marca branca anunciado pola distribución en decembro e do que se beneficiaban industrias como a multinacional gala, que posúe unha factoría en Vilalba. A través dun comunicado, Lactalis asume subir o prezo que paga os gandeiros polo leite. Os produtores comezaran o ano con diferentes accións (concentracións, boicote de produtos...) para denunciar que a multinacional gala non lles pagaba ese incremento “que nos corresponde”.

Non se concretou a cuantía da suba

Así, nos pagamentos que perciben as explotacións leiteiras en febreiro xa virán os cartos de máis cobrados por Lactalis no leite de decembro; e nos pagos de marzo verán os de xaneiro, e así sucesivamente. Lactalis non concretou no seu comunicado a contía da suba. Fontes da Plataforma en Defensa do Sector Lácteo Galego, organizadora das mobilizacións ante a distribución e ante a industria, citadas por Campo Galego, prevén que este incremento sexa por riba dos 0,5 céntimos por litro que anunciou Leite Celta o pasado mes.

Lactalis é lider en volume procesado en Europa e en Galiza. A filial galega de Lactalis reparte máis de 2 millóns de euros anuais en dividendos á compañía francesa. As súas marcas: President, La Lechera, Puleva, entre outras.

Comentarios