Labazada do Tribunal de Contas á ofensiva da Xunta contra o sector mexilloeiro

A consellería de Mar denunciara presuntas desviacións de fondos públicos no Consello Regulador do Mexillón, un organismo no albo da gran patronal conserveira pola defensa do produto galego e a súa campaña de presentar querela criminal contra empresas que comercializaban como galego molusco doutras procedencias
Bateas nunha ría galega
photo_camera Bateas nunha ría galega

A primavera de 2011 foi unha época dura para o sector mexilloeiro galego (3.300 bateas e pola volta de 13.000 empregos). A Comisión Nacional de Competencia multaba os bateeiros con 1,8 millóns de euros por pactaren prezos e a consellaría de Mar denunciaba desvíos de fondos públicos no Consello Regulador do Mexillón, o organismo representativo do sector. Non poucas voces se levantaron daquela entre os bateeiros para denunciaren unha "campaña" contra o Consello e os produtores, que tiña como finalidade botar abaixo a DOP. a Denominación de Orixe Protexida, un selo concedido pola UE ao mexillón galego e que non era do gosto nin da gran patronal conserveira (Anfaco) nin do goberno popular.

Pois ben, agora o Tribunal de Contas vén de desmontar as fortes acusacións da consellaría do Mar, negando que houbese irregularidades financeiras e avalando a xestión da entidade. O fallo supón unha labazada para unha consellaría do Mar que, con Rosa Quintana e Juan Maneiro á fronte, ten aberto non poucas frontes de conflito cos bateeiros.

"A Xunta prolongou innecesariamente as investigacións, causando deste xeito un dano na consolidación da Denominación de Orixe Protexida do Mexillón de Galicia"

 A actuación da Xunta: Dano á imaxe e ao produto

O presidente do Consello Regulador, o rianxeiro Francisco Alcalde, felicitouse pola decisión do Tribunal de Contas e defendeu a transparencia nas finanzas da entidade, cuxa labor "é vital para o sector mexilloeiro galego". Asemade, lamentou que o proceso tardase tanto en resolverse e que fose precisamente a Xunta a que prolongou innecesariamente as investigacións, causando deste xeito un dano na consolidación da Denominación de Orixe Protexida do Mexillón de Galicia.

Comentarios