José Luis García Pando: "En catro anos duplicamos a produción de godello"

A Denominación de Orixe (D.O.) Valdeorras leva desde comezos dos anos 2000 cun incremento constante das plantacións de godello para os seus viños monovarietais, con gran acollida no mercado. Nos tintos, o mencía manda, pero tamén medra a aposta por recuperar outras variedades autóctonas da Galiza.
José Luis García Pando defínese como adegueiro e viticultor a tempo parcial (Foto: D.O. Valdeorras).
photo_camera José Luis García Pando defínese como adegueiro e viticultor a tempo parcial (Foto: D.O. Valdeorras).

—Cando falamos de viños na Galiza moita xente pensa nun traballo case artesanal. Na D.O. Valdeorras teñen mudado moito as cousas nos últimos anos?

Nós desde pequenos xa estamos ligados ao viño. Eu son adegueiro e viticultor a tempo parcial, pero xa  de pequeno iba ás viñas dos meus avós. Pero si, ten mudado moito todo. 

—Cal diría vostede que foi o gran cambio na produción?

O gran cambio foi a conversión de moitas fincas en monovarietais de godello, a principios dos 80. Foi lento ao principio, e cobrou importancia a principios dos 2000. Despois hai unha segunda parte, no cambio varietal dos tintos a mencía, xa máis tarde, a finais dos 90 principios do 2000. Ademais, modificouse o sistema de produción e pasamos das viñas en forma de vaso, que non permitían a mecanización, ao cultivo en espaldera.

—Na D.O. prodúcese branco e tinto. En que proporción?

Cada vez máis branco. Pode estar nun 65% branco e 35% tinto, pero ano a ano vaise modificando. No ano 2000 estaba a cousa moi repartida (50%-50%), pero o tirón do godello estase a notar. 

Esa variedade representaba 25% do total e agora case 60%. 

—Pódese dicir que o Godello é o seu buque insignia pero, que o diferencia doutras denominacións de orixe?

En Valdeorras somos a única que exixe por norma que a botella que poña godello sexa 100%. Realmente as adegas xa estaban a funcionar así, simplemente o fixemos para diferenciarnos un pouco. Ademais, fomos os que volvemos traer esta variedade á vida. Antes eran só cepas illadas nalgunhas viñas. 

—Que tal acollida teñen os viños de Valdeorras no mercado?

Obviamente, se non hai mercado non podes sacar unha variedade adiante. O mercado é o que manda. Tivemos catro ou cinco anos colleitas moi pobres por xeadas, a pedra, o mildiu... e o mercado podería ter absorbido incluso o dobre de godello que sacamos sen problema. 

—Como se está a traducir isto nos usos da terra? 

Valdeorras segue a estar composta de moito minifundio, aquí é algo exacerbado. Agora o que se está a plantar é 95% godello e 5% outras variedades autóctonas tintas que se queren recuperar (brancellao, sousón, merenzao) para viños ben monovarietais ou mesturados, que nos tintos funcionan moi ben.

—O godello pisa forte.

En catro anos pasamos de 300 hectáreas plantadas a máis de 500, case duplicando a extensión. As adegas intentan medrar, se poden comprando os terreos que teñen máis próximos, para gañar en extensión, porque se son pequenos, por moi mecanizábeis que sexan, non son rendíbeis, porque perdes a metade no camiño. O problema, como pasa en todas partes é que a xente pide exaxeracións por eses terreos ou directamente non cha venden. 

—E ven xente detrás con interese en facerse viticultor?

Hai relevo xeracional, pero non é suficiente. Hai rapaces novos e non tan novos que están investindo en viñedo. Ademais, as adegas, ao ter unha cantidade de viñedo significativa, tamén xeran moitos postos de traballo. 

—E a crise como lles está a afectar, sobre todo a inflación?

Verémolo nesta vendima. Até o de agora os prezos foron axeitados. A evolución debería ser a unha suba de prezos da uva. Electricidade, cartón, botellas... non houbo ningún custo que non subise. O prezo incrementarase razoabelmente, mais non nos interesan os dentes de serra.

Comentarios