sábado 11.07.2020

José Blanco súmase á lista de políticos galegos que 'tiran' das portas xiratorias

Enagás incorpora ao seu consello de administración o ex ministro socialista José Blanco. O político de Palas pasa así a engrosar unha xa longa lista de ex altos cargos da Xunta e do Goberno estatal que deron o salto da política á empresa privada.
O ex ministro socialista José Blanco (Europa Press).
O ex ministro socialista José Blanco (Europa Press).

As empresas din que o fan porque valoran a súa traxectoria política e profesional, pero non está clara a división entre ambas as dúas. As portas xiratorias, que levan as e os políticos a dar o salto á empresa privada, en moitos casos firmas cotizadas, verán pasar estes días ao ex ministro de Fomento durante a presidencia de José Luís Rodríguez Zapatero.

José Blanco, que fora até o pasado mes de xullo deputado no Parlamento Europeo, embárcase nunha nova experiencia como conselleiro independente en Enagás. A súa fichaxe vén acompañada das do ex presidente da Generalitat e ex ministro socialista José Montilla e a do experto en enerxía afín a Podemos Cristobal José Gallegos

A designación de Blanco e o dos outros dos novos conselleiros foi aprobado pola comisión de nomeamentos e retribucións, presidida pola tamén conselleira independente Ana de Palacio -quen fora ministra do Partido Popular- e na que tamén figuran os nomes da ex ministra popular Isabel Tocino (presente no de Ence e no do Santander, que a colocou á fronte do Banco Pastor nos seus últimos meses de existencia) e do que fora presidente de Alianza Popular, Antonio Hernández-Mancha.

O salto de Mato

José Blanco anunciara en marzo do pasado ano a súa marcha da política. Tamén o fixera a ex conselleira Beatriz Mato, con severas dúbidas sobre a vulneración da Lei de Transparencia e bo Goberno, antes de incorporarse á executiva da cotizada galega Greenalia. A compañía de renovábeis, apostou na ex conselleira de Medio Ambiente con Feixoo para presidir a súa fundación, entre outras responsabilidades. 

No consello da firma presidida por Manuel García figura así mesmo outro ilustre ex conselleiro popular, Antonio Couceiro. Greenalia é a única cotizada na que mantén presenza no seu consello o ex conselleiro de Industria, director xeral do Instituto Galego de Vivenda e Solo e presidente da Autoridade Portuaria da Coruña, entre outros cargos. Na actualidade, compaxina estas funcións coas de conselleiro de Inveravante, o holding empresarial do recentemente falecido Manuel Jove, presidente da Cámara de Comercio da Coruña, de Dairylac (agora Galacteum), da Confederación Española de Sociedades de Garantía Recíproca, da que forma parte como presidente de Afigal, e da súa propia consultora Norcontrol.

No seu currículum tamén consta o seu paso polos consellos de administración da Empresa Municipal de Augas da Coruña (Emalcsa) e Nova Pescanova, onde coincidiu con Elena Salgado

A ex vicepresidenta e ministra de Economía e Facenda con Zapatero, compañeira de José Blanco, é outra das políticas galegas que deu o salto á empresa privada. Na actualidade só está como conselleira en Motion Rail, a filial de Talgo que competirá con Renfe na consecución de novas liñas de viaxeiros no mercado ferroviario liberalizado. Antes diso tamén estivo á fronte da filial chilena de Endesa.

A lista de nomes propios complétaa Carlos del Álamo, ex conselleiro de Medio Ambiente durante boa parte da era Fraga e actual conselleiro coordinador da papeleira Ence. Como parece demostrar o seu nomeamento, ao igual que o da súa compañeira no consello Isabel Tocino, ou a recentemente nomeada conselleira de Greenalia, Beatriz Mato, os departamentos de Medio Ambiente semellan ser os mellores escenarios para preparar o salto da política á empresa privada. 

Rival de Reganosa

Blanco desembarca en Enagás nun momento no que a gaseira, participada en 5% polo Estado español a través da Sociedade Estatal de Participacións Industriais (SEPI), libra unha batalla coa galega Reganosa, controlada polo empresario Roberto Tojeiro (Gadisa) co respaldo da Xunta, por ganar presenza no mercado doméstico, pero tamén nos mercados internacionais e nas novas oportunidades de negocio, como a subministración de gas a buques. O ex ministro poderá achegar o aprendido na súa etapa á fronte de Fomento e no Parlamento Europeo, onde foi ponente da directiva sobre enerxías renovábeis.

comentarios