BANCA

Jorquera rexeita a arbitraxe na estafa das preferentes e exixe a Feijóo que non bote ''balóns fóra''

O candidato nacionalista á Xunta mantivo unha xuntanza co sector do mar para trasladarlles a proposta de creación dunha banca pública galega. Salientou que Galiza perdeu a condición de primeira potencia pesqueira na UE polas dificultades de acceso aos cartos para renovar a frota: nos últimos tres anos perdéronse 198 barcos e máis de 2.000 postos de traballo

O voceiro do BNG no Congreso e candidato á Xunta, Francisco Jorquera, acusou este sábado ao presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, de "eludir as súas responsabilidades" respecto das persoas afectadas pola xa coñecida como 'estafa das preferentes' --contra a que están a se realizaren protestas en toda Galiza--, e sinalou que "apostar pola arbitraxe --opción proposta pola Xunta @s afectad@s-- é igual que a equidistancia: non asome responsabilidades, mais tenas".

Jorquera mantivo unha xuntanza con representantes do sector do mar para trasladarlles a proposta nacionalista de creación dunha banca pública galega, en que participaron tamén o voceiro de Pesca no Parlamento Galego, Bieito Lobeira, e o catedrático de Economía Aplicada, Xavier Vence. "Se me permiten o chiste fácil, Feijóo cada vez lémbrame máis a Sergio Ramos, só que Ramos bota os balóns fóra involuntariamente", comentou Jorquera en declaracións aos medios de comunicación antes do encontro.

A arbitrache fecharía a porta dos tribunais
Tal e como explicou, as responsabilidades de Feijóo no caso das participacións preferentes de Novagalicia Banco veñen derivadas das competencias que a Xunta tiña sobre as caixas de aforros que emitiron eses produtos. Sobre este conflito, o titular do Executivo galego puxo riba da mesa a opción da arbitraxe, rexeitada con rotundidade entre as persoas afectadas --máis de 70.000 persoas-- porque non é garantía de que recuperen o 100% do capital invertido --900 millóns, segundo recoñeceu o propio Novagalicia Banco-- e porque a vía xudicial ficaría fechada.

Tamén Jorquera manifestou unha postura contraria á arbitraxe, e reprochou da Xunta que siga a tapar "un auténtico corralito" e que permitise a "bancarización" de Novacaixagalicia. Coas súas palabras, o nacionalista deixou claro que "é preciso" que Novagalicia Banco devolva os cartos", un obxectivo que implica "un cambio de estratexia" que pasaría por fixar a exixencia de entregar cartos públicos á banca debe haber o compromiso de resolver "o problema das preferentes".

A banca pública galega solventaría os problemas do Mar
Segundo explicou, para a constitución dunha banca pública galega cómpre que se transfira a participación de máis do 90% de capital público que xa ten Novagalicia Banco a Galiza, "co que serviría á economía produtiva e aos intereses galegos", nomeadamente ao sector do mar, cuxos problemas veñen determinados polas dificultades no acceso ao finanzamento para a renovación da frota.

Nesta mesma liña, lembrou o candidato do BNG á Xunta que nos últimos tres anos o sector perdeu 198 barcos, 1.600 postos de traballo e outros 525 de marisqueo a pé e, como consecuencia, Galiza, que era a primeira potencia pesqueira da UE, "perdeu esta condición e foi superada por Dinamarca". E aproveitou para lembrar máis unha vez que nos tres anos de Goberno de Feijóo, a débeda pública duplicouse.

Comentarios