Jorquera chama a frear as importacións ''masivas'' de peixe de fóra e ''incentivar o consumo do produto galego''

Nun encontro coa confradía da Coruña, o candidato do BNG á Xunta arremeteu contra o PP por ter pulado na UE pola supresión da denominación de orixe dos produtos do mar. Di o nacionalista que os tres anos de goberno de Feijóo estiveron ao servizo ''de grandes conglomerados da pesca'' e dos intereses da acuicultura industrial
pesca, barco, mar

"Hai que pór couto ás importacións masivas e incentivar o consumo dos produtos de mar galegos" fronte ás políticas desenvolvidas desde a consellaría do Mar nestes tres anos de goberno do PP, partido que votou en Bruxelas pola eliminación da denominación de orixe galega. "Aí é onde se ve que intereses defenden", espetou Francisco Jorquera, candidato do BNG á Xunta, nunha xuntanza que mantivo coa confradía de pescadores da Coruña en que recalcou a súa proposta para o sector do mar: "pór Galiza a producir".

Gobernar ao servizo ''dos grandes conglomerados da pesca''
Matizou Jorquera cales son as preferencias polas que pulou o Goberno de Feijóo: aqueles "dos grandes conglomerados de pesca industrial que pescan peixe en latitudes moi lonxanas de Galiza e aos que lles interesa colocarnos o produto nos nosos mercados sen que nós saibamos que é o que estamos a consumir".

Na mesma liña pronunciouse a eurodeputada nacionalista Ana Miranda, quen arremeteu contra o PP por ter actuado en Bruxelas "para cargarse a denominación da orixe galega" nos produtos do mar. Ao fío, lembrou que o Parlamento europeo aprobou o 14 de setembro a eliminación da obrigatoriedade de que nas etiquetaxes dos produtos pesqueiros e marisqueiros se informe aos consumidores da súa orixe. A iniciativa, que foi incorporada en forma de emenda á nova normativa de etiquetaxe dos produtos pesqueiros e marisqueiros, partiu da eurodeputada Carmen Fraga, do PP de Galiza.

Políticas que pularon pola acuicultura industrial
Pola súa banda, Jorquera acrecentou que nesta lexislatura o Goberno galego practicou unha política consciente de substitución da pesca artesanal e o marisqueo pola acuicultura industrial intensiva. "O PP non ve no litoral galego unha fonte de riqueza. Só ve espazos para os pelotazos urbanísticos e para as actividades náutico recreativas", enfatizou, facendo fincapé en que un maior autogoberno é a chave para que o noso sector pesqueiro faga parte tamén das negociacións ante a UE.

"Galiza ten 62 confrarías. De continuar o PP no poder nun ano fecharían un feixe delas", alertou o responsábel da comisión nacional de Pesca na formación frontista, Bieito Lobeira. Deron máis datos: perto de 250 embarcacións pesqueiras déronse de baixa no periodo 2009-2012, avocadas "pola política de desprazamentos promovida por Feijóo" á fronte dun Goberno que procurou "a substitución da pesca de baixura e marisqueo pola acuicultura industrial".

Comentarios