PLENO NO PARLAMENTO

Jorquera ataca Feijóo por colaborar no "pelotazo" da compra de Abanca por un prezo "ficticio"

O banqueiro venezuelano Escotet comprou Abanca por 1.003 millóns de euros, mais o portavoz do BNG no Parlamento galego, Francisco Jorquera, denunciou esta cuarta feira que ese prezo é "ficticio" porque encobre "axudas públicas".

Jorquera_Feijóo_Ana Pontón

Sesión parlamentar de control ao Goberno. O portavoz do BNG, Francisco Jorquera, interpela a Feijóo sobre o proceso de venda de Abanca ao banco venezuelano Banesco, despois de que a entidade coa sede central na Coruña concluíse o exercicio de 2014 cun beneficio de 1.157 millóns de euros, superior á cantidade en que se formalizou a compra da financeira (1.003 millóns).

O parlamentar nacionalista defende que en realidade o Estado, através do FROB, cofinanciou a compra de Abanca através de "axudas públicas encubertas". 

"O prezo de venda é ficticio, señor Feijóo", afirmou Jorquera, quen argumentou a seguir que aos "1.003 millóns de euros" do prezo oficial de venda habería que lle descontar determinadas "coberturas públicas", isto é, diñeiro posto polo Estado para atender obrigas do banco. Entre elas, citou "as coberturas públicas polos litixios derivados da comercialización de preferentes", ben como tamén polas demandas interpostas por "compañías de seguros" ou por procesos xudiciais orixinados "pola aplicación de clausulas chan e outras coberturas do tipo de xuro nas hipotecas".

Jorquera conclúe que a venda de Abanca a Escotet foi co-financiada por fondos públicos

Non só iso: a eses 1.003 millóns de euros postos na poxa de compra de Abanca polo banqueiro venezuelano Escotet cumpriría descontarlle tamén "as diferenzas de valoración nos activos traspasados ao Sareb [o chamado banco mao]", que as asumiría o FROB, ben como tamén o diñeiro decorrente da "liberación de provisións" e dos "créditos fiscais".

Todo isto leva a Jorquera a concluír que a venda de Abanca a Escotet foi co-financiada por fondos públicos e que constitúe un "pelotazo a costa de saquear as arcas públicas, unha operación da que Feijóo sería "cómplice".

Esa complicidade sería a que explicaría, argumentou Jorquera, o secuestro ao que, segundo a opinión do portavoz nacionalista, tería submetido o PP "á comisión de investigación das caixas".

GARANTÍAS POR ENRIBA DO PREZO

Jorquera non só considera que o prezo real da venda de Abanca é moito menor do que afirman comprador, Estado español e Xunta de Galiza, senón que tamén entende que estamos ante unha operación sen apenas risco para o banqueiro venezuelano.

Con efeito, o parlamentar nacionalista denuncia que o plano de reestruturación da entidade, que ten o plácet da Comisión Europea, contempla no seu punto 76 "que as garantías a favor do comprador ascenden a 2.322 millóns de euros", unha cantidade "moi por riba do prezo de compra".

FEIJÓO ELUDE A CUESTIÓN

E que respondeu Feijóo? Basicamente quixo escapulirse da fiscalización política de Jorquera. Largou os míseis de rigor ao bipartito e ao PSOE -ao que atribuíu a bancarización das caixas, soslaiando que a formación socialdemócrata pactou todos os pasos co PP- e até chegou a dicer que, após tomar posesión como presidente do goberno galego en 2009, non foi informado "da situación [das caixas]" polo "goberno que substituín". "Tiven que inteirarme pola xefatura do Estado", alegou.

Sobre as cuestións concretas formuladas por Jorquera a respeito do proceso de venda de Abanca, Feijóo limitouse a perguntar retoricamente: "Estamos de acordo en inxectar fondos públicos para garantir o aforro galego, para garantir a criación de emprego na Galiza?".

Foto: Jorquera entrega unha documentación a Feijóo durante un Pleno [Arquivo BNG]

Comentarios