Jorquera e Vence defenden a Banca Pública Galega

O candidato nacionalista á presidencia da Xunta, Francisco Jorquera, e o catedrático de Economía Aplicada Xavier Vence ofreceron esta tarde unha conferencia en defensa da Banca Pública Galega no Club Financeiro de Vigo.


Jorquera Xunta afirmou que a Banca Pública é “a única fórmula da que dispomos para garantir a galeguidade do aforro galego”. Para el, agora hai dúas opcións: ou Novagaliciabanco acaba sendo absorbida pola Bankia fraudulentamente nacionalizada (“porque todo o mundo sabe que se trata dunha nacionalización trampolín para a súa total privatización, ruinosa para as cidadás e os cidadáns, porque as perdas de Bankia as pagaremos todos”) ou se transforma nunha banca pública galega.

Jorquera afirmou que a Banca Pública “contribuirá a restaurar o crédito e impulsará a actividade económica, o que resultará na creación de postos de traballo”, e tamén é do interese dos “pequenos e medianos empresarios, afogados por unha banca privada que non ve negocio na economía produtiva e que destina toda a súa liquidez aos circuítos especulativos”, engadiu. Puxo como exemplo a situación do sector naval privado. “En Vigo os estaleiros precisan financiamento. A Banca Pública Galega constituiría para eles un extraordinario alivio”. E para os pequenos aforradoras e aforradores, tamén: “sería unha banca ética, faría imposíbel un corralito como o das preferentes”.

A BPG é segundo o candidato “a única garantía de que Galiza non baixe á Segunda División do sistema financeiro estatal”. Catalunya e Euskadi mantéñense en Primeira, con Caixabank e a Kutxabank. Se NGB é absorbida por Bankia, ou caese nas mans de fondos de investimento norteamericanos, Galiza deixaría de existir no mapa financeiro”. “Non podemos esquecernos de que cando Feijóo chegou ao poder en 2009 Galiza contaba con dúas caixas de aforro e un banco privado. Hoxe non ten nin caixas nin banco”, rematou.

Comentarios