Itegal, Toxo, Grelo... así son os novos operadores galegos de telecomunicacións

Compañías de telecomunicacións de nova creación e repartidas por toda a xeografía galega buscan dar resposta ás necesidades da poboación cunha oferta diferenciada ao tempo que tratan de cubrir o oco deixado por R como operador galego de referencia. O problema é que as grandes non sempre llo poñen fácil. 
Moitos dos operadores galegos son descoñecidos para o público (Foto: Eduardo Parra / Europa Press).
photo_camera Moitos dos operadores galegos son descoñecidos para o público (Foto: Eduardo Parra / Europa Press).

O comezo de ano é unha época na que moitas familias aproveitan para facer balanzo do exercicio anterior e planificar o seguinte. Neste senso, a revisión dos contratos de servizos é bastante común, como tamén o son as ofertas dos operadores para tratar de aumentar a clientela.

En materia de telecomunicacións, na Galiza houbo unha aposta forte nos últimos anos por crear un operador galego.

Coa axuda dos cartos públicos, o país chegou a ter en R un referente no que a servizos se refire. Porén, a súa venda a Euskaltel, con Abanca como único 'supervivente' galego no seu accionariado, e posteriormente a MásMóvil, desprendéndose a entidade bancaria da súa participación, rematou por diluír a galeguidade dun operador que loita por manter a súa cota de mercado na Galiza.

Case ao mesmo tempo que todas estas operacións se sucedían, comezaron a operar no país outras compañías que salientan a súa "vocación de servizo público", xa que o seu principal mercado está nos lugares aos que as  grandes non chegan.

Como explica a Nós Diario Emilio López, xerente de Itegal, con sede en Lugo, "nas cidades non se pode competir, porque as grandes van a prezo. É un mercado máis mercenario".

Cousa ben distinta é nas zonas periurbanas e no rural. "Ao ser un operador independente temos máis capacidade que os grandes", indica López, xa que nesas zonas contan con redes propias de fibra, ás que se suman os servizos que poden ofrecer a través de acordos con outras operadoras, non tendo que limitarse a unha única marca.

Itegal vén de cablear concellos como Allariz, Xinzo de Limia, Celanova, A Rúa ou O Barco de Valdeorras, pero afirman que "se hai tres persoas nunha zona que nos piden o servizo, ímosllo dar". "Son despregamentos que non os vai facer outro operador que non sexa galego e teña vocación de servizo", apunta, pois as grandes compañías "o que queren é capitalizar rapidamente os servizos que entregan e deixan de lado o rural e o periurbano".

Adaptadas á clientela

Manuel Caamaño, de Toxo Telecom, outro dos operadores galegos emerxentes con sede en Ribeira, coincide en sinalar que é difícil competir coas "agresivas" contraofertas que realizan as operadoras estatais cando alguén decide apostar por elas.

Ao contrario que estas compañías, asegura que elas están especializadas en "facer as cousas como as usuarias precisan". Empezaron só con liñas móbiles e na actualidade xa son capaces de dar á clientela un produto converxente (fixo, fibra, liñas móbiles e televisión).

Ademais, Caamaño destaca que Toxo foi das primeiras operadoras en sacar un router 4G "ilimitado de verdade e con tripla cobertura para conectarse á rede que mellor cobertura teña" en cada zona. 

Están xa presentes en perto de 300 concellos do país e tamén teñen clientes en Madrid, Sevilla e Barcelona, "galegos con morriña", pero o seu obxectivo é claro. "O noso público é galego e a nosa idea é crear emprego na Galiza e ofrecer un produto aos galegos e ás galegas competitivo e que en calidade-prezo estea ben". "Para nós sería un orgullo que a xente nos tivese como referencia", recoñece.

Toxo vai camiño de se converter nun operador integral, xa que traballa para ofrecer á súa clientela servizos de enerxía e seguridade. Xa están dados de alta como comercializadora de enerxía. De momento ofrecen luz a fogares e empresas, e contan con poder ofrecer tamén gas no primeiro semestre do ano. 

Barreiras de entrada

Itegal e Toxo son só algúns exemplos de compañías galegas que ofrecen servizos no país pensados para as necesidades da poboación. Á lista pódense sumar nomes como os de Seabit, con sede en Melide; Norvoz (Viveiro), Fibralar (Laxe) ou Grelo, unha comercializadora con sede en Betanzos que tamén loita por facerse un oco neste sector, e que, como resalta o seu máximo responsábel, Xosé Manuel Díaz, "a diferenza das grandes, nós non temos un produto paquetizado que tes que coller si ou si. Adaptámonos á clientela".

Nesa loita, teñen dous grandes inimigos a bater. Por unha parte, o "frustrante" descoñecemento de particulares e empresas dos servizos e posibilidades de personalización que ofrecen. E por outra, as Administracións, que adoitan decantarse por grandes operadores que non sempre son capaces de brindar o mellor servizo e que en moitos dos casos só buscan "sacar tallada" da operación. 

"Se a Galiza se desenvolve, nós imos ir para arriba", aseguran desde estas compañías que van saíndo aos poucos dese anonimato que tanto lles condiciona.

Atención desde a Galiza e en galego

Os novos operadores galegos teñen claro que a prezo non van poder competir cos grandes, pero si en servizos. Todas as novas compañías que xurdiron na Galiza nos últimos anos destacan pola súa atención á clientela, con tempos de resposta difíciles de replicar pola competencia. Ademais, atenden desde a Galiza e en galego. 

O seu modo de traballar tamén é diferente, pois tiran moito de publicidade directa, ben dándose a coñecer casa por casa nas zonas en que despregan os seus servizos, ou ben sendo referenciados por persoas achegadas.

Esa proximidade é un 'plus' do que son conscientes firmas como Itegal, que busca ter puntos de referencia perto da súa clientela a través dun distribuidor local, como xa fai en Viana, Trives ou Ponte Caldelas.

Todas elas poñen en valor "ir coa verdade por diante, conscientes de que a clientela está farta de ser enganada" cando contrata.

Comentarios