''Isto é un desastre. Quérennos levar á ruína”

Os dados da EPA son desoladores para a Galiza, o terceiro territorio do Estado en destrución de emprego no último trimestre de 2013. Os sindicatos advirten de que estamos ante unha verdadeira ''desfeira'' con 278.000 desempregad@s e 93.000 fogares con todos os membros activos no paro.

paro
photo_camera paro

Galiza acabou 2013 con máis parad@s que 2012 e o noso país xa roza as 278.000 persoas en situación de desemprego. Mais este dato da EPA (Enquisa de Poboación Activa) non vén só. Acompáñano outros, como o da queda en filiación, ou ben a de fogares con todos os seus integrantes desempregados, que permiten ver unha situación “desoladora”, en palabras de Miguel Malvido, da CIG.

104 galeg@s quedaron sen emprego cada día en 2014, afirma Xavier Vence (BNG), que considera este dato "unha emenda á totalidade á política austericida de Feijóo"

Malvido, secretario confederal de Emprego da central nacionalista, considera que o escenario é “tremendo” e que os dados de parad@s “son números, e os números son fríos, mais detrás de cada un deles hai unha historia”. Para a CIG, a Xunta “ten a súa responsabilidade” na lacra do desemprego que asola Galiza, porque “non fai nada de nada” e “estanos a levar á ruína”.

Solucións

A CIG lembra que ten activada unha campaña para que a creación de emprego pase ser un tema fulcral na axenda política de Galiza, campaña na que se combina a defensa da ILP con actos e asembleas nos centros de traballo, actividades na rúa...

AGE esixirá que o presidente da Xunta explique no Parlamento as "catastróficas cifras do paro en Galiza"

Outra voz é a de Domingos Barros, de UGT, que considera os datos “desesperanzadores” e incide en que en Galiza danse algúns dos peores rexistros do conxunto do Estado español. "É unha situación que xa sobrepasa o preocupante", afirma, e lembra que as políticas activas de emprego en Galiza "son competencia da Xunta".

Desde CCOO, Maica Bouza, secretaria de Emprego, pídelle á Xunta que teña a "valentía" de explicar a diferente dinámica do emprego en Galiza respecto do Estado pero, sobre todo, "que teña a vontade política de mudar as políticas que están aplicando con tan malos resultados". Segundo o sindicato, Galicia ten "competencias abondo" para que non sexa así. "Galiza e os galegos e galegas non merecen padecer esta situación".

Comentarios