Unha irregularidade de Paco Vázquez custará 45 millóns de euros ás arcas públicas da Coruña

O Supremo pide que se cumpra unha sentenza de hai 13 anos e se tire abaixo o Edificio Fenosa, na Coruña.

fenosa-crop
photo_camera Edificio Fenosa

O Edificio Fenosa, malia simbolizar a burbulla inmobiliaria, foi defendido durante o vazquismo polo PSOE -que permitiu que se construíse sen licenza- e agora polo PP e cuxa demolición consumirá o 25% do orzamento municipal

Despois de até catro sentenzas que obrigaban a derruílo e en contra da última do TSXG que indicaba que esa operación era inviábel tecnicamente, o Tribunal Supremo vén de ditaminar de novo que o Edificio Fenosa, no centro de A Coruña, debe ser demolido, xa que se construíu sen as licenzas oportunas e con irregularidades, decisións estas que tiveron lugar nos anos noventa baixo o mandato municipal de Francisco Vázquez, do PSOE local.

O PP, agora no poder, como antes @s socialistas sempre intentaron evitar a aplicación desta sentenza, e en ningún momento se fala desde María Pita de pedirlle responsabilidades ao goberno vazquista malia que lle vai causar un enorme dano económico á cidade, posto que o operativo para tirar abaixo o Edificio Fenosa custará uns 45 millóns de euros, un colosal gasto para o erario público que significa case o 25 por cento do orzamento municipal.

Os gobernos municipais nunca valoraron a posibilidade de denunciar a actuación do ex-alcalde en vista do prexuízo causado

A sentenza do Supremo é recorríbel e acusa ao concello de Negreira de “actuar de mala fe” para non aplicar o ditado polos xulgados. Segundo o BNG, os informes que presentou o goberno local para evitar a demolición, sen éxito, custaron case 40.000 euros.

O Edificio Fadesa, reservado para persoas de alta capacidade económica, simboliza a aposta polo ladrillo que sempre caracterizou aos poderes políticos e económicos coruñeses, como a quebrada inmobiliaria Fadesa que o levantou e que contou para iso coa colaboración do ex-alcalde Vázquez, que a modo de favor deixou construír por riba da lei e creando agora un grande problema para o concello.

Comentarios