Irlanda respalda as teses de Apple e defende a súa “soberanía fiscal” face Bruxelas

Dublín non quer a devolución dos 13 mil millóns de euros que, a xuízo da Comisión, constitúen axudas ilegais do Estado irlandés á multinacional tecnolóxica Apple.

apple
photo_camera Apple en Dublín

De 2003 a 2014 Apple teríase beneficiado de exencións fiscais por valor de 13 mil millóns de euros. En 2013, por exemplo, Apple Sales Internacional, compañía con sede na illa, pagou polo imposto de sociedades apenas o 1% dos seus lucros. En 2014, a cantidade aínda foi máis irrisoria: o 0,005%.

Bruxelas entende que estas exencións fiscais, produto dunha sofisticada enxeñaría contábel, constitúen axudas ilegais e insta Apple a devolver os 13 mil millóns a Dublín.

A posición de Irlanda -coincidente coa de Apple e dos EUA- é de defensa do seu sistema fiscal.

O ministro de Finanzas irlandés, Michael Noonan, afirmou: “A decisión [de Bruxelas] non me deixa máis opción que a de procurar o acordo do goberno [irlandés] para apelar. Isto é necesario para defender a integridade do noso sistema fiscal, para fornecer certeza fiscal aos negocios e para desafiar a intromisión das regras da UE en materia de axudas estatais nas competencias fiscais soberanas dos estados membros”. 

Apple recorreu a decisión de Bruxelas e alertou que a súa posta en prática tería consecuencias sobre o emprego en Europa.

No ano fiscal de 2015 a compañía estadounidense obtivo en todo o mundo un beneficio neto de 35.000 millóns de dólares.

Comentarios