Irlanda apresa un pesqueiro de Burela, o terceiro galego no que vai de ano

As autoridades irlandesa apresan o pesqueiro galego Valle Fraga, acusado de infrinxir a normativa pesqueira daquel país.
Valle Fraga
photo_camera O palangreiro 'Valle Fraga', retido polas autoridades irlandesas (Foto: Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación)

Terceiro pesqueiro galego retido en Irlanda no que vai de ano. Trátase do palangreiro 'Valle Fraga', con base en Burela e que se atopa desde esta sexta feira retido no porto de Castletownbere, ao suroeste do país, acusado polas autoridades irlandesas de infrinxir as súas normativas pesqueiras.

A Irish Naval Service informa nas súas redes sociais que a detención se produciu por "infrinxir" as normas de pesca. Na mesma mensaxe, publicada en Twitter e Facebook, sinala que é o sétimo barco de pesca detido polo 'William Butler Yeats' da armada en 2021.

Tres destas sete detencións estiveron protagonizadas por barcos galegos. Xunto ao 'Valle Fraga' foron retidos este ano o 'Punta Candieira', con base en Viveiro, e o 'Punta Vixía', de bandeira francesa pero armadores de Vigo.

O primeiro foi detido polo mesmo buque que apresou o 'Valle Fraga' e permaneceu retido no porto de Cork durante 14 días. Tripulación e barco foron liberados a mediados de xuño despois de que a empresa armadora abonase unha fianza de 140.000 euros.

Dous meses despois, a mediados deste mes de agosto, o arrastreiro vigués 'Punta Vixía' (de bandeira francesa) foi arrestado tamén polo 'William Butler Yeats'. O buque regresou ao Gran Sol o pasado 25 de agosto previo pago dunha finaza de algo máis de 100.00 euros.

En ambos os casos, como sucede agora coa detención do palangreiro burelense, as autoridades irlandesas atribuíron a infraccións das normativas pesqueiras os arrestos destes buques.

Comentarios