A inflación na Galiza fica en xaneiro por riba da estatal

O IPC mantivo en xaneiro a súa taxa interanual en 6,4%, segundo os datos definitivos do INE, fronte a 5,9% de media no Estado español.
Froitas e verduras lideran as subas de prezo nos supermercados. (Foto: Leonardo Borges)
photo_camera Os alimentos creceron en xaneiro 15,4% en taxa interanual, tres décimas menos que en decembro, após a rebaixa do IVE aplicada a certos produtos da cesta da compra. (Foto: Leonardo Borges)

O índice de prezos de consumo (IPC) na Galiza baixou tres décimas en xaneiro a respecto do mes anterior, malia que mantivo a súa taxa interanual en 6,4%, mesma cifra que a rexistrada en decembro e cinco décimas máis que a media do Estado español, segundo os datos definitivos publicados esta cuarta feira polo Instituto Nacional de Estatística (INE).

En concreto, os alimentos e as bebidas non alcólicas subiron 15,6% entre xaneiro de 2022 e o idéntico mes de 2023, mentres que as bebidas alcólicas e o tabaco fixeron o propio en 9%. O vestido e o calzado mantiveron o seu prezo estábel, se ben o enxoval medrou 8,2%. Os medicamentos (+2,1%), o transporte (+6,9%), as comunicacións (+2,3%), o lecer e a cultura (+2,4%) e os hoteis, cafés e restaurantes (+8,5%) tamén incrementaron o seu prezo.

Pola súa parte, os únicos produtos da cesta da compra que diminuíron o seu custo en xaneiro foron a vivenda, cunha caída de 8,4%, e o ensino, que baixou 0,9% no período estudado.

Datos estatais

A nivel estatal, o IPC baixou dúas décimas en xaneiro en relación ao mes anterior, pero elevou dúas décimas a súa taxa interanual, até 5,9%, polo maior prezo dos carburantes, dos servizos de telefonía e do vestido e o calzado, sempre segundo estes datos do INE.

A inflación interanual definitiva de xaneiro é unha décima superior á avanzada a finais do mes pasado, cando o INE apuntou a unha taxa de 5,8%, mentres que a rebaixa mensual finalmente foi de dúas décimas, fronte ao recorte de tres décimas estimado inicialmente. Coa suba rexistrada no primeiro mes de 2023, a inflación rompe con cinco meses consecutivos de descensos na súa taxa interanual, nos que chegou a baixar máis de cinco puntos.

Crecemento da inflación subxacente

Os datos do INE, que inclúen por vez primeira ponderacións procedentes da Contabilidade Nacional, así como os mercados libres do gas e a electricidade, si confirmaron a súa estimación inicial sobre a inflación subxacente —sen alimentos non elaborados nin produtos enerxéticos—, que fechou xaneiro en 7,5%, taxa cinco décimas superior á do mes anterior e a máis elevada desde decembro de 1986. Con este dato, a subxacente supera o índice xeral en máis de 1,5 puntos.

Desde o Ministerio de Asuntos Económicos destacouse que a taxa interanual do IPC só aumentou dúas décimas en xaneiro, "a pesar da suba dos prezos dos carburantes" e após a retirada da bonificación de 20 céntimos con carácter xeral. Economía espera que a inflación subxacente reflicta nos próximos meses o descenso da inflación xeral e dos custos enerxéticos e doutras materias primas.

Os alimentos modéranse na contorna de 15%

Segundo o INE, os prezos dos alimentos creceron en xaneiro 15,4% en taxa interanual, tres décimas menos que en decembro, após a rebaixa do IVE aplicada a certos produtos da cesta da compra. De feito, o Departamento que dirixe Nadia Calviño destacou que os prezos dos alimentos afectados pola redución do IVE baixaron en xaneiro 1,6% a respecto do mes de decembro, en contraste coa suba de 1,4% experimentada polo resto de produtos da cesta non afectados pola rebaixa impositiva.

Así, Economía subliñou que se produciu unha baixada "xeneralizada" nos alimentos nos que se aplicou a rebaixa do IVE de 4% a 0%, como pan (-0,2%), leite (-1,5%), ovos (-1,5%), froitas frescas (-4,2%), legumes (-1,1%), patacas (-1%), fariña (-2,3%) e queixo (-0,7%). No caso dos que tiveron unha rebaixa do IVE de 10% a 5%, destaca o descenso dos prezos do aceite de oliva (-1,2%) e a pasta (-3,5).

Comentarios