A inflación fica en 6,4% na Galiza, sete décimas por riba do Estado: os alimentos custan hoxe 16% máis que hai un ano

A inflación subxacente xa supera en 1,3 puntos o indicador xeral e alcanza o valor máis alto en tres décadas.
#leite #supermercado #supermercados #mercadona #gandaria #gandeiros (Foto: Europa Press)
photo_camera Os produtos lácteos son 23,4% máis caros. (Foto: Europa Press)

O índice de prezos de consumo (IPC) quedou en 6,4% en decembro na Galiza, subindo un punto desde novembro e ficando sete décimas por riba da media estatal (+5,7%), segundo os datos definitivos publicados esta sexta feira polo Instituto Nacional de Estatística (INE). En concreto, os alimentos e bebidas non alcohólicas fecharon o ano encarecéndose até 16,2% no país, mentres que as bebidas alcólicas e o tabaco aumentaron o seu prezo en 8%.

Pola súa parte, o vestido e o calzado subiron 1,8%, mentres que o enxoval, 8,6%. Os medicamentos (+1,5%) e o transporte (+4,3%) tamén se situaron cun crecemento inferior á media, do mesmo modo que o lecer e a cultura (+3,1%). Os hoteis, cafés e restaurantes galegos custaron en decembro 9,2% máis que no mesmo mes de 2021.

Con todo, os únicos produtos que reduciron o seu prezo medio o ano pasado foron a vivenda (-3,8%), as comunicacións (-1,9%) e o ensino (-1%).

Datos estatais

A nivel estatal, o IPC subiu dúas décimas en decembro en relación ao mes anterior e recortou 1,1 puntos a súa taxa interanual, até 5,7%, a súa cifra máis baixa desde novembro de 2021, sempre segundo as cifras do INE, que rebaixan nunha décima as avanzadas polo organismo a finais do mes pasado, cando apuntou a un IPC interanual de 5,8% e a un ascenso mensual dos prezos de 0,3%.

Non foi así no caso da inflación subxacente, indicador considerado máis preciso por excluír os alimentos non elaborados e os produtos enerxéticos, onde o INE elevou unha décima a súa estimación inicial de 6,9%. Así, o IPC subxacente finalmente fechou decembro en 7%, taxa sete décimas superior á de novembro e a máis elevada desde novembro de 1992.

Con este dato, a inflación subxacente supera o índice xeral por primeira vez desde febreiro de 2021 e abre con el unha fenda de 1,3 puntos. A inflación interanual de decembro (5,7%) é máis de cinco puntos inferior ao pico alcanzado o pasado mes de xullo, cando a inflación escalou até 10,8%, o seu nivel máis alto desde setembro de 1984.

Coa moderación rexistrada no último mes de 2022, a inflación suma cinco meses consecutivos de descensos na súa taxa interanual logo de que en agosto baixase tres décimas, até 10,5%; en setembro 1,6 puntos, até 8,9%; en outubro 1,6 puntos, até 7,3%, e en novembro baixase medio punto, até 6,8%.

Segundo o INE, a moderación do IPC interanual até 5,7% en decembro débese, principalmente, á baixada dos prezos dos carburantes e do gasóleo para calefacción e ao feito de que a electricidade subiu en decembro de 2022 menos do que o fixo en igual mes de 2021.

Azucre, aceite ou leite, disparados

Os prezos dos alimentos, pola contra, medraron en decembro 15,7% en taxa interanual, catro décimas máis que en novembro e a súa taxa máis alta desde o comezo da serie, en 1994. Dentro dos alimentos, os que máis subiron de prezo no último ano son o azucre (+50,6%), os aceites e graxas (+38,1%), o leite (+37,2%), os ovos (+29,8%), os produtos lácteos (+23,4%), os cereais (+22,7%) e as patacas (+22,6%).

Sen ter en conta a rebaixa do imposto especial sobre a electricidade e as variacións sobre outros impostos, o IPC interanual alcanzou en decembro 6%, tres décimas por riba da taxa xeral de 6,8%. Así o reflicte o IPC a impostos constantes que o INE tamén publica no marco desta estatística.

En termos mensuais —decembro de 2022 sobre novembro do mesmo ano—, o IPC rexistrou un aumento de dúas décimas, en contraste co descenso de 0,1% experimentado en novembro. Neste ascenso influíron tamén os alimentos, que elevaron os seus prezos 1,6% a respecto do mes anterior.

No último mes de 2022, o índice de prezos de consumo harmonizado (IPCH) situou a súa taxa interanual en 5,5%, máis dun punto por baixo da do mes anterior.

Comentarios