Gráficos

Os alimentos seguen sen dar tregua e encarecen 16,6% no último ano, a maior repunta da serie histórica na Galiza

O IPC xeral de febreiro marcou 6,4% na taxa interanual, o mesmo dato que o rexistrado en xaneiro e decembro e que é catro décimas superior á media do Estado español.
Os alimentos e as bebidas non alcólicas son a tipoloxía de produtos que máis encareceron en 12 meses, cunha taxa de 15,6% (Foto: Carlos Luján / Europa Press).
photo_camera Os alimentos e as bebidas non alcólicas son os produtos que máis encareceron nos últimos doce meses, cunha taxa histórica de 16,6%. (Foto: Carlos Luján / Europa Press)

O prezo do cesto da compra continúa en aumento. O índice de prezos de consumo (IPC) subiu na Galiza 0,8% en febreiro en relación ao mes anterior, e mantivo en 6,4% a súa taxa interanual polo encarecemento, nomeadamente, dos alimentos, que seguen á alza e dispararon os seus prezos en febreiro 16,6% en comparanza co mesmo mes de 2022, segundo os datos definitivos publicados esta terza feira polo INE. É o maior encarecemento da alimentación desde que existen rexistros na base de datos de Estatística (2002). De feito, os alimentos encareceron 1,6% só entre xaneiro e febreiro deste ano a pesar da rebaixa do IVE a determinados produtos.

Coa repunta rexistrada no segundo mes do presente ano, a inflación encadea tres meses consecutivos coa mesma taxa interanual. Alén dos produtos de alimentación, á cabeza no incremento de prezos no último ano, a vestimenta e o calzado subiu neste indicador do 0% de xaneiro ao 2,6% de febreiro. Tamén soben dúas décimas as comunicacións (até 2,5%) e 1,2 puntos o lecer e a cultura (3,6% en febreiro).

Pola contra, diminúe na mesma medida a taxa interanual das bebidas alcólicas e o tabaco (caendo a 7,8% de variación entre febreiro de 2022 e febreiro de 2023); os mobles e artigos do fogar, que caen cinco décimas (até 7,7%); a sanidade, cun descenso de catro décimas (1,7%); o transporte, cuxa taxa interanual decrece até a metade (3,2%); a restauración e hostalaría, cinco décimas menos (8%), e outros bens e servizos, que anotan un retroceso dunha décima (5,4%).

Fica invariábel en febreiro deste ano a taxa dos produtos do ensino (-0,9%, polo que son máis baratos hoxe que no mesmo mes de 2022), e aumenta levemente, malia que segue en números negativos —polo que tamén é hoxe máis barata que hai xusto un ano— a vivenda, auga e electricidade, que sobe dous puntos (-6,3% na comparativa interanual). A caída deste último indicador, porén, está condicionada polo contexto de escalada inflacionista do pasado ano, pois en marzo de 2022 chegou a rexistrar unha inflación anual de 38,9%.

A inflación estatal, catro décimas inferior

No conxunto do Estado español, o dato do IPC interanual é catro décimas inferior ao galego (6%), 0,1 puntos menos que o dato avanzado por Estatística para febreiro e que se debe principalmente, segundo salienta o INE, ao aumento do prezo da electricidade, os paquetes turísticos e os alimentos, que en febreiro anotaron o mesmo dato na media estatal que na Galiza (16,6%). A suba mensual finalmente foi de nove décimas, fronte ao aumento de 1% estimado inicialmente, unha décima máis que no caso galego.

Coa repunta deste febreiro, a inflación encadea no Estado español dous meses consecutivos de ascensos na súa taxa interanual tras o incremento de xaneiro, cando ascendera até 5,9%.Pola súa parte, a inflación subxacente —sen alimentos non elaborados nin produtos enerxéticos— medrou unha décima en febreiro, até 7,6%, a súa taxa máis alta desde decembro de 1986. Con este dato, inferior nunha décima ao estimado inicialmente polo INE, a inflación subxacente supera o índice xeral en máis de 1,5 puntos.

Os prezos dos alimentos creceron en febreiro 16,6% en taxa interanual, máis dun punto por riba da do mes anterior e un dato idéntico ao que rexistra a Galiza. Neste comportamento influíu o encarecemento dos legumes e hortalizas e a carne, así como o feito de que o peixe e o marisco baixaron menos os seus prezos que o ano pasado.

Desde o Ministerio de Asuntos Económicos salientaron que en febreiro encareceron sobre todo os alimentos frescos: "Legumes e hortalizas, e tamén froitas frescas, experimentaron unha redución puntual da oferta como consecuencia dunhas condicións climáticas desfavorábeis, en España e noutros países comunitarios, que provocou un incremento de prezos polo aumento da demanda internacional".

Comentarios