sábado 25.01.2020

Investigadores da UDC tratan de producir bioplásticos a partir do leite

Trátase dun proxecto de investigación está liderado pola Fundación Emalcsa.
Vacas muxidura muxir granxa leite Imaxe-GEA
Vacas muxidura muxir granxa leite Imaxe-GEA

Os lodos están a ser unha das alternativas que estuda Endesa para reactivar a central térmica das Pontes, pero tamén poden converterse nunha alternativa para xerar bioplásticos. Iso é o que están a investigar as persoas membros do proxecto Bialac, unha iniciativa que busca producir bioplásticos de custe reducido mediante o uso de materia prima de baixo valor, a partir de lodos de depuradoras urbanas pequenas, como os da Edar (Estación Depuradora de Augas Residuais) de Carral, e tamén do soro da industria láctea, que por exemplo supón 90% dos residuos da elaboración de queixos, dos que a lactosa, con escasa saída de mercado, pode ser valorizada para a creación de novas formas de envasado de alimentos 100% biodegradábeis.

Esta iniciativa contribuirá, ademais, a un modelo de economía circular que garanta solucións sostíbeis, en liña cos Obxectivos 2030 da ONU ou as demandas que estes días se escoitan no COP25 de Madrid, sinalan os seus impulsores. 

O proxecto Bialac, que se estenderá até outono de 2020, está financiado polo programa Conecta Peme 2018, e nel participan, ademais de Emalcsa como líder, as empresas Abakal Ingenieros Consultores, Innolact, Ecoplas, ademais dos grupos de investigación Bioengin Laboratorio de Polímeros, da Universidade da Coruña (UDC). 

O edificio do CICA (Centro de Investigacións Científicas Avanzadas) do Campus de Elviña da Universidade da Coruña acolleu esta cuarta feira o Seminario sobre Economía Circular e Bioplasticos que promove a Cátedra Emalcsa-UDC, nunha xornada na que se deron a coñecer os avances do Proxecto Bialac, que está chamado a ser unha saída para estes residuos de difícil tratamento.

comentarios