luns 25.05.2020

As investidoras gañan 86% dos litixios ao Popular

En 2020 ditáronse sete sentencias, todas favorábeis ás investidoras
Ángel Ron, ex presidente do Banco Popular.
Ángel Ron, ex presidente do Banco Popular.

O Banco Popular, agora integrado xa no Santander, parece que leva todas as de perder nos seus litixios con investidoras. Alomenos así o certifica o Observatorio da Xurisprudencia de Banco Popular, elaborado polo despacho de avogadas Fieldfisher Jausas.

Segundo o observatorio, que  analiza de forma estatística as sentenzas ditadas pola Sala do Civil das Audiencias Provinciais relacionadas coa subscrición de accións e outros instrumentos financeiros emitidos pola entidade antes e despois da ampliación de capital de maio de 2016, das sentenzas que se ditaron o ano pasado, 86% resolvéronse a favor das investidoras.

En 2018 só se ditaron tres sentenzas de Audiencia Provincial, sendo as tres favorábeis ás investidoras, mentres que en 2019 ditáronse 142 sentenzas de Audiencia Provincial, das que 86% deu a razón total ou parcialmente á investidora. No que vai de 2020 analizáronse sete sentenzas publicadas no primeiro trimestre, todas favorábeis ás investidoras.

Das sentenzas a favor das usuarias do pasado ano, 73%  refírense a compras unicamente no mercado primario, 7% a compras en ambos os mercados e 20% a compras só no mercado secundario.

Nas sentenzas referidas a compras total ou parcialmente antes da ampliación de capital, 76% é total ou parcialmente favorábel á persoa investidora, mentres que nas que se refiren a compras posteriores á ampliación de capital, a porcentaxe ascende a 89%.

O Observatorio ve unanimidade de criterio dos tribunais en que as compras efectuadas no mercado primario pola ampliación de capital son anuladas por error no consentimento. En troques, nas do mercado secundario distínguese entre se foron realizadas antes ou despois da ampliación. Se son após a ampliación, a tendencia da xurisprudencia é apreciar a acción de responsabilidade por falsidade do folleto, mentres que nas compras anteriores a 2016 adoita ser por emitir información patrimonial defectuosa.

"Cada vez existen sentenzas de maior contía (a máis relevante de 4,3 millóns de euros) e unha tendencia claramente favorábel á investidora que permite augurar que nos atopamos ante un novo caso Bankia", conclúe o socio de Fieldfisher Jausas e autor do informe, Jordi Ruiz de Villa.

comentarios