Intu vende un novo centro comercial mentres agarda polo de Porto Cabral

Intu, impulsora de Porto Cabral, vende por 290 millóns o centro comercial Intu Asturias.
Centro comercial Intu Asturias (Europa Press).
photo_camera Centro comercial Intu Asturias (Europa Press).

A promotora Intu-Eurofund, impulsora do centro comercial de Porto Cabral en Vigo, vén de anunciar o acordo para vender ao fondo alemán European Prime Shopping Centre Fund II o centro comercial Intu Asturias por 290 millóns de euros. 

Este novo movemento forma parte da estratexia de desinvestimentos da firma británica especializada en centros comerciais, que a finais de 2019 executou tamén a venda de Porto Venecia, en Zaragoza, por 475 millóns de euros a Generali e Union Investment. En ambos centros comerciais, a inmobiliaria tiña de socio o fondo de pensións canadense CPPIB.

Con todo, a compañía atravesa un mal momento financeiro, mesmo desde Inglaterra falan dunha posíbel ampliación de capital de 1.000 millóns de libras (1.170 millóns de euros). Após esta operación, Intu mantén a titularidade do centro comercial Xanadú en Madrid, e un macroproxecto para levantar o maior centro comercial do Estado español na Costa do Sol.

Problemas en Vigo

Na Galiza, Intu-Eurofund é a impulsora do centro comercial de Porto Cabral, en Vigo. Antes de realizar estas vendas, a comezos de decembro, o proxecto sufriu un duro revés que levou á dirección da empresa a sopesar a busca de novos emprazamentos para o seu centro comercial. Toma esta decisión após a negativa do Concello de Vigo a admitir a trámite pola vía da Ordenación Provisional o proxecto de Porto Cabral, cun investimento previsto de 1.000 millóns de euros  e  6.450 empregos (4.450 fixos en plena explotación e 2.000 durante a fase de construción).

A compañía amosou a súa "profunda decepción" polo pronunciamento do concello e advertiu de que o proxecto entraba entón nun "momento crítico".

Comentarios