Análise

Intervención...!?

A profesora de Economía Aplicada da Universidade de Santiago de Compostela Rosa Mª Regueiro Ferreira prosegue co ciclo de análises de Nós Diario.
Estamos sufrindo unha crise enerxética de grande impacto, con afectación global no sistema socioeconómico. (Ilustración: Álex Rozados)
photo_camera Estamos sufrindo unha crise enerxética de grande impacto, con afectación global no sistema socioeconómico. (Ilustración: Álex Rozados)

A medida que foi pasando o verán, a tensión enerxética medrou. E no horizonte parece asomar un frío inverno para a Unión Europea (en adiante UE), non só por cuestións climáticas, senón tamén socioeconómicas, enerxéticas, políticas e xeoestratéxicas. Un crebacabezas de feitos, preocupantes e en ocasións mesmo contraditorios, que levaron a pór de manifesto, si, outra vez de manifesto, as debilidades do mercado eléctrico na UE, e en certa maneira do seu mercado enerxético. Para mostra, un botón:

· En relación ao gas, Rusia anunciou o peche indefinido do gasoduto Nord Stream 1 de Gazprom, derivando nun modelo de subministro de gas estruturalmente máis feble. Pero paralelamente os esforzos de aforro de consumo de gas no entorno da UE semella que permitiron ter unas reservas do 82% da capacidade, unha especie de alivio temporal que supera as esixencias da Comisión Europea. Subiu o prezo do gas en resposta á decisión rusa pero tamén o mercado de gas de referencia en Europa, o mercado TTF de Holanda, experimentou algunhas oscilacións á baixa (menos de 200 euros megavatio hora). 

Precísase un consenso no seo dos membros europeos, un "todos a unha" que esixe un acordo sobre que "intervención" seguir 

· E mentres asistíamos atónitos ao baile do gas, os prezos do carbón rexistraron subidas espectaculares no mercado asiático: o prezo Newcastle de referencia ao contado superou os 435 dólares por tonelada, un valor histórico, e no mercado de futuros, os valores serían aínda superiores.  

· No petróleo, o prezo do barril Brent estivo por debaixo dos 90 dólares. 

Actuación urxente

No conxunto da UE estamos sufrindo unha crise enerxética de grande impacto, case sen comparación, con afectación global no sistema socioeconómico, sendo responsable de forma significativa do nivel de inflación que se soporta. Variables clave como dependencia enerxética, garantía de subministro, aforro enerxético, consumo responsable, emisións, etc. acadan unha relevancia capital que viñan demandando dende o século pasado. No caso particular do sistema de fixación de prezos da electricidade, a súa artificialidade, que infla o valor do kW h, estrangula a economía cada día un pouco máis. E agora, despois de tantos anos con voces máis que acreditadas reclamando o cambio do sistema mal chamado "marxinalista", parece que chegou a hora de afrontar o disparate da factura da luz. Intervención, rebaixa inmediata, eliminación dos winfall profits (desvinculando as enerxías renovables, nuclear e do carbón do sistema de fixación), excepción ibérica ampliada… Diversos nomes e opcións para unha actuación necesaria, urxente, aínda que non exenta de complicacións na súa implementación, para acadar un resultado óptimo no curto como no longo prazo.

Pero para pór ese freo, precísase un consenso no seo dos membros europeos, un "todos a unha" que esixe acordo sobre que "intervención" seguir, considerando o pool de medidas a aplicar tendo en consideración a realidade de cada país. Unha única medida? Un mix de varias? Actuacións particulares por países? Podería ser unha excepción ibérica ampliada, un tope ao prezo do gas que forma parte do mercado eléctrico. Mais este sistema implica que se o gas custa no mercado 50 euros megavatio/hora, as enerxías máis baratas cobran a ese valor, pero hai que retribuír a diferenza do custo de produción maior ás centrais de xeración con gas. Tamén se podería sacar do mercado maiorista Spot a maior parte da enerxía eléctrica posible. Ou promover unha figura moi empregada en Estados Unidos, os Power Purchase Agreement, PPA, que son contratos a longo prazo de compravenda de enerxía entre un produtor (con fontes renovables) e un consumidor. Sen esquecer a necesidade de "humanizar" os procesos de autorización de instalación de proxectos de autoconsumo renovable, mais áxiles e adaptados ao tipo de consumidor que os solicita, potenciando a promoción de unidades de almacenamento.

Nunca mellor dito que o tempo é ouro. Un ouro a pagar por un ben-servizo estrutural, que está ameazando a saúde dos fogares e da actividade empresarial e industrial. 
 

Comentarios