Fruga e SLG propoñen un protocolo a Medio Rural para que reabra os mercados de proximidade

A Federación Rural Galega (Fruga) e o Sindicato Labrego Galego (SLG) elaboran unha proposta para regular a seguridade das instalacións e poder facilitar a súa apertura. Ambas organizacións critican como insuficientes a comercialización de produtos galegos por parte das grandes distribuidoras.

Mercado de proximidade (Nós Diario)
photo_camera Mercado de proximidade (Nós Diario)

A Federación Rural Galega (FRUGA) e o Sindicato Labrego Galego (SLG) rexistraron na consellaría de Medio Rural unha proposta de protocolo para regular a celebración de feiras e mercados alimentarios de proximidade na Galiza mentres dure o estado de alarma.

Segundo estas organizacións agrarias, coa aplicación deste protocolo garantiranse as condicións de seguridade que serán superiores ás de calquera supermercado. A proposta é moito máis estrita en cuestións como as distancias, o uso de cartos en metálico ou a manipulación dos alimentos. Súmase a estas medidas a propia realización dos mercados ao aire libre ou en grandes espazos como prazas de abastos.

Apoio ás familias labregas

Desde Fruga e o SLG lembran que “hai miles de familias labregas cuxos ingresos, na maior parte, dependen destes mercados de proximidade”. Algunhas producións, como a de planta para horta, dependen completamente das feiras e mercados para vender.

En relación ás hortas de consumo, estas organizacións aseguran que deben ser consideradas como unha actividade esencial sen atrancos en forma de distancias mínimas con respecto ao domicilio, tal e como formula agora Medio Rural.

Prezos dignos

Diante do anuncio de Medio Rural de comprometer a varias cadeas de distribución a mercar produtos galegos, desde Fruga e o SLG piden que esas compras se fagan cuns prezos mínimos dignos garantidos. “Até agora, as restricións do estado de alarma só serviron para que as grandes cadeas de supermercados aumentasen aínda máis a súa posición de dominio do mercado en detrimento da venda directa”, aseguran.

Estas organizacións temen que esta medida “no fondo sirva para afianzar o papel da grande distribución como fornecedor único de alimentos primarios, ademais de abastecerse a baixo prezo aproveitando a situación de extrema debilidade da parte produtora na cadea de valor nesta crise”.

Comentarios