Inspeccións de traballo que “intimidan” os traballos solidarios e colaborativos na vendima

“No agro galego sempre se realizaron traballos solidarios e en colaboración”, indican desde a Asociación Galega de Viticultura.

Vendima
photo_camera Vendima

A Asociación Galega de Viticultura- Federación Rural Galega (AVG-Fruga) vén de solicitar unha xuntanza co subdelegado do goberno español en Ourense para abordar unha situación que se está a dar na vendima e que está a xerar non poucos prexuízos: as inspeccións de traballo en explotacións familiares e onde a vendima realízase desde vello en rexime de colaboración e solidariedade entre familiares, compañeiros...

“En moitos casos este labor de vendimar realizase coa colaboración dos familiares do titular da viña e mesmo coa axuda dos veciños e veciñas, “hoxe vendimamos as túas viñas e cando rematemos, imos coas miñas”. Así é como se organiza a vendima en todas as zonas produtoras”, explica a AGV.

Esta práctica dáse, fundamentalmente, entre as explotacións consideradas como familiares, que son a maioría das que existen na Galiza, “mais estes traballos colaborativos estanse a ver entorpecidos pola acción intimidatoria de inspectores de traballo que se están a persoar nas viñas onde se está vendimando, acompañados nalgúns caso, da Garda Civil, solicitando a identificación de todas e cada unha das presentes na viña. Posteriormente todas elas vanse ver obrigadas a se desprazar até a inspección de traballo co obxecto de xustificar a súa condición de colaboradores, o que pode dar lugar a que o titular da viña se teña de enfrontar cunha proposta de sanción”.

Desde a Asociación Galega de Viticultura (AGV) nafirman que non amparan irregularidades, “como que traballadores temporais pasen por persoas colaboradoras en detrimento dos seus dereitos laborais”, mas si reclaman “un trato diferenciado para estes casos de traballo de tipo colaborativo que sempre se deron no agro galego”.

Comentarios