O sector ve unha "insensatez" incluír as artes menores nas limitacións á pesca de fondo

As confrarías piden que se teña en conta o impacto positivo desta actividade nas rías e tamén as súas implicacións sociais. 
Empresas familiares están detrás das embarcacións de artes menores, nos que adoitan traballar entre dúas e cinco persoas (FOTO: Arxina).
photo_camera Empresas familiares están detrás das embarcacións de artes menores, nos que adoitan traballar entre dúas e cinco persoas (FOTO: Arxina).

O Consello Galego de Pesca abordaba esta semana nunha reunión o impacto que as restricións das autoridades da Unión Europea (UE) á pesca de fondo ao abeiro da Estratexia de Biodiversidade para 2030 poderían ter noutras artes menores.

Desde Bruxelas parecen dispostos a eliminar todo tipo de práctica que leve o arrastre no seu ADN, o que condenaría artes tradicionais galegas, como o bou de vara, os trasmallos ou os miños, entre outros. 

Como explica a Nós Diario Miguel Iglesias, patrón maior de Rianxo, "o bou de vara é unha arte que leva centos de anos dentro da ría de Arousa e nunca pasou nada. Que non veñan agora dicir que porque é de fondo estea a arrasar coa ría ou con algunha especie".

"Son pescarías moi pequenas, manuais case, con moi pouco impacto", abunda o patrón maior de Rianxo, onde na actualidade hai 42 embarcacións que van ao bou de vara e outras seis de trasmallo, o que representa unhas cen persoas que viven destas artes, aínda que coa alternancia de artes ─as embarcacións poden ter até cinco permisos distintos de explotación (permex)─ o seu número pode variar. 

Ataque á pesca artesanal

No caso do bou de vara, a especie principal é a voandeira, aínda que hai outras acompañantes entre as que se atopan a solla e o choco. Nos miños, as máis frecuentes son a centola, a faneca a maragota ou o pinto. "Imos polo mesmo camiño que co xeito", lamenta Iglesias, que non acaba de entender a postura de Bruxelas. "Promoven a pesca artesanal e resulta que veñen contra nós. Iso non pode ser", denuncia o patrón maior de Rianxo antes de advertir de que o impacto das restricións na ría "sería brutal".  

Na mesma liña, José Antonio Pérez Sieira, presidente da Federación Galega de Confrarías e patrón maior da de Ribeira, recoñece que quitar estas artes ─miños, rastros e trasmallos están na maioría de demarcacións da Galiza─ "faría que as embarcacións con estes permisos se dedicasen a outras artes e rebentaríase a cadea. Sería un problema que todos fósemos ao mesmo", resaltou. 

Ao igual que o seu homólogo de Rianxo, Pérez Sieira carga contra as autoridades europeas que "aplican as normas sen coñecer  e mirar". "Non saben de que vai isto", abunda. 

Primar a prudencia 

Para Ruperto Costa, patrón maior de Cambados, de imporse restricións a estas artes sería "o colmo da insensatez", xa que, argumentou, son métodos de extracción "totalmente sustentábeis e respectuosas co medio", pero sobre todo polo impacto social. "Son moitas as familias que viven destas artes", indicou.

"De momento é unha declaración de intencións, pero á hora de lexislar, tanto o sector como a Administración, porémonos en contra", advertiu Costa. "Haberá que tomar medidas. O que se atreva a meter man no noso medio de vida vai ternos enfronte", insistiu. 

Con todo, fixo un chamamento á prudencia ante "insensateces que veñen desde o descoñecemento". "Imos ser cautos e agardar movementos, até ver até onde pode chegar isto", dixo, dunha medida que de momento non está sobre o papel.

Comentarios