Análise

A innovación tecnolóxica medioambiental galega en chave europea

A maioría dos estudos dan por feito que as innovacións medioambientais serán tamén fonte de melloras económicas e financeiras a nivel empresarial. Neste sentido, as novas prioridades na materia fixadas pola Comisión Europea no caso galego deberían incidir especialmente no desenvolvemento dun sector tecnolóxico medioambiental.
Galiza precisa desenvolver un sector tecnolóxico medioambiental. (Foto: Europa Press) #tecnoloxía #industria #galiza
photo_camera Galiza precisa desenvolver un sector tecnolóxico medioambiental. (Foto: Europa Press)

O impacto ambiental das diferentes actividades económicas (produción industrial, transportes de mercadorías e pasaxeiros, pesca, agricultura, gandaría, etc.) conduciu ao longo das últimas décadas a que as empresas e outros axentes do mercado (centros de investigación, administracións, organizacións non gobernamentais…) fosen propoñendo innovacións aliñadas con temas como a sustentabilidade e a economía circular.

A crecente consciencia social e empresarial por aspectos como a sustentabilidade, espertada ao longo do tempo como consecuencia dos desastres económicos, medioambientais e climáticos, foi o punto de partida do desenvolvemento das teorías da innovación ambiental. Se ben é certo que hoxe en día non existe un total consenso sobre a acepción de innovación ambiental, o que si resulta meridiano é diferenciar que estas se diferencian do resto en dous aspectos. Por unha banda, as innovacións deste tipo resultan en reducións do impacto medioambiental. Por outra, o alcance destas innovacións excede os límites das organizacións, podendo abranguer ata fenómenos sociais facilitadores de cambios normativos e institucionais (no sentido amplo do termo). 

Tal é a importancia que veñen gañando nos últimos anos as innovacións medioambientais que as necesidades e a demanda actual deste tipo de innovación están requirindo xa de mudanzas nos patróns de produción e consumo coñecidos. Pero a innovación tecnolóxica medioambiental non é só relevante desde o punto de vista social. De acordo con varios estudos, este tipo de innovacións serían tamén fonte de melloras económicas e financeiras a nivel empresarial. Algúns autores, incluso, estenden estes resultados positivos a eidos como a creación do emprego, o aumento da competitividade ou ao efecto positivo para as organizacións que contan cunha imaxe verde.  

Motivada por un contexto económico marcado pola crecente importancia da innovación medioambiental, a Unión Europea puxo a disposición dos territorios e Estados membros unha serie de potentes instrumentos de financiamento. Por iso, dar cabida no momento actual á innovación tecnolóxica medioambiental resulta de especial importancia para a planificación estratéxica da economía galega. Esta importancia vén producida en clave europea fundamentalmente por tres motivos que se recollen a continuación. 

As novas prioridades da Comisión Europea

En primeiro lugar, a fixación por parte da Comisión Europea das novas prioridades continentais incluíu tanto o desenvolvemento dunha economía máis respectuosa co medio ambiente como a necesidade de consolidación das Estratexias de Especialización Intelixente (RIS3).

Esta última no caso galego debería incidir no desenvolvemento dun sector tecnolóxico medioambiental, xa que os recursos e o saber facer acumulado converte este sector nun dos de maior proxección económica nacional e internacional. En segundo lugar, no momento actual atopámonos no inicio do período de programación europeo 2021-2027, un momento clave no que os programas operativos van cobrando forma. En terceiro lugar, e non menos importante, a irrupción dos fondos Next Generation UE, cuxa orientación debe procurar a innovación e modernización tecnolóxica do tecido produtivo, suporá unha “choiva” de millóns que deberán ser xestionados entre a administración galega e estatal. Con respecto á execución destes recursos, deberiamos ser quen de vertebrar alternativas que permitan un impacto real no tecido produtivo, e non unha simple acumulación de capital por parte de grandes conglomerados empresariais. 

Xa que logo, cómpre observar e avaliar activamente todo o proceso de planificación e execución de recursos europeos. O motivo desta necesidade de vixilancia arranca da lentitude no inicio da execución dos fondos, así como dos pobres resultados acadados en períodos anteriores froito das nefastas políticas aplicadas dentro da mal chamada austeridade, tal e como defendía no meu ensaio O estrangulamento tecnolóxico de Galiza.

No referido á execución dos recursos europeos destinados á innovación medioambiental é posible ver nos últimos tempos nos medios algún dos principais proxectos propostos como elixíbeis polos diferentes executivos. Mais en clave galega sería interesante o desenvolvemento de misións que derivasen en proxectos que enriquecesen os obxectivos marcados polas primeiras. Así, por exemplo, algunhas áreas de interese para a posta en marcha de misións tecnolóxicas poderían ser as relacionadas co desenvolvemento de tecnoloxías mariñas que facilitasen a limpeza das rías, a produción de biocombustíbeis aproveitando os recursos e refugallos derivados da actividade do medio rural, ou incluso a recentemente anunciada (non en forma de misión senón a través do apoio a grandes empresas) fabricación téxtil a partir das febras da madeira.

As ausencias na candidatura galega a Next Generation

Tendo as xigantescas asignacións para os grandes proxectos promovidos, ademais da falta dunha misión tecnolóxica e medioambiental clara en clave de país, obsérvase nos discursos oficiais a falta de polo menos tres elementos fundamentais que van na dirección do exposto: En primeiro termo, a información que un investimento desta dimensión precisa en canto ás redes de colaboración establecidas.

En segundo lugar, a estimación da repercusión real destes proxectos na economía real (nas Pemes, nas infraestruturas, nos recursos humanos, na innovación, etc.). Por último, o impacto no medio ambiente galego. 

Tendo en conta a importante cantidade de recursos mobilizados, non debemos acaso exixir ás administracións autonómica e estatal outra profundidade nas propostas efectuadas? 

Comentarios